DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este cuadrimestre un obradoiro sobre esta forma de escritura

Os xeróglifos exipcios xa non son un misterio

Os participantes rematan o curso sendo capaces de entender estelas básicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/12/2012

A cultura exipcia é unha das culturas antigas e que máis fascinación suscitou ao longo dos tempos. A súa historia, os seus personaxes, as súas construcións, a súa cultura ou a súa escritura xeroglífica están rodeados aínda hoxe dun misterio e dun exotismo moi atraínte para o público xeral e para o especializado. No marco deste interese, un grupo de alumnos do campus de Ourense puido este cuadrimestre introducirse nas claves dos xeróglifos e da escritura dos faraóns a través dun obradoiro de extensión cultural.

O curso, de 30 horas de duración, estivo impartido por Eugenia Muñoz, unha investigadora que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre o antigo Exipto no campus de Ourense e que conta cunha dilatada formación en exiptoloxía, pois é licenciada en Filoloxía de Oriente e Exipto Antigo polo Instituto Orientalista de Louvain, en Francia, e realizou o DEA en exiptoloxía na École Practique de Hauts Études de París-A Sorbona. “Acabamos de rematar o obradoiro e facémolo coa satisfacción de conseguir que o seu alumnado dispoña dos coñecementos básicos para abordar a tradución das estelas exipcias máis sinxelas. Pero sobre todo, conseguimos espertar aínda máis o seu interese por unha cultura tan fascinante coma esta”, destacou a docente.

O culto á morte e ao faraón

Durante este cuadrimestre, ás súas clases asistiron arredor dunha ducia de estudantes dun perfil moi diverso, destacando os alumnos da Facultade de Historia e de Turismo, en contra da tendencia doutros anos, onde eran maioritarios os de Educación Infantil e Enxeñaría Informática. “A cultura exipcia interesa a todo tipo de públicos, coas formacións profesionais máis diversas. Non é unha sorpresa esta diversidade”, apunta Muñoz. “Aos participantes, como á xente en xeral, chámalles todo a atención da cultura exipcia. Teñen moita curiosidade pola súa escritura, porque é moi visual; polo mundo do máis alá e da morte, que está tan presente na vida deste pobo, e por todo o relacionado coa súa relixión e a súa mitoloxía”, apuntou Eugenia Muñoz, que ofrece formacións similares noutros campus universitarios galegos.

O obradoiro, apunta a docente, pretendeu ofrecer unha introdución á cultura do antigo Exipto faraónico a partir da súa escritura máis coñecida: a xeroglífica. Para facelo, o curso dividiuse en diferentes bloques temáticos nos que se alternaron as bases da cultura exipcia co desciframento de sinxelos textos con xeróglifos. O papel do rei, do faraón e da morte e a herdanza cultural que deixou Exipto en Occidente foron tamén outros dos contidos abordados durante a celebración do obradoiro de extensión cultural.