DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores júnior de baloncesto reciben este domingo ao Peleteiro

Os equipos sénior de baloncesto e rugby teñen descanso ligueiro polo entroido

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 12/02/2010

O equipo júnior de baloncesto masculino recibe este domingo no pavillón universitario ao Peleteiro, cadro de Santiago co que van moi igualados na clasificación. Os xogadores afrontan este novo choque coa ilusión e as forzas acadadas no partido da pasada fin de semana contra o Ferrol, fronte ao que conseguiron a primeira vitoria da tempada fóra da casa por 21 puntos de diferenza. Con respecto a este novo choque o adestrador Miguel González asegura que vai ser un encontro difícil. “No partido de ida o Peleteiro demostrou ser un cadro moi superior ao noso, gañándonos por 30 puntos”. O adestrador prepara este novo enfrontamento como unha oportunidade para avaliar a melloría do seu equipo, “sobre todo en canto á defensa de situacións de 5 contra 5”, explica.

Descanso para os xogadores sénior de baloncesto masculino

Os xogadores sénior de baloncesto masculino, pola súa banda, poderán gozar da fin de semana do entroido grazas a un merecido descanso que non os devolverá á competición ata o vindeiro sábado, 20 de febreiro, data na que se enfrontarán ao actual líder da táboa de clasificación, o Allariz Blanco Quintas. O equipo está xa a preparar este novo partido despois da derrota sufrida contra o Baiona con quen perderon por tan só un punto de diferenza (69-68). Polo que respecta ao equipo sénior feminino de baloncesto, aínda non hai data fixada para un novo partido despois de terse suspendido o que ían xogar a pasada fin de semana.

Torneo entre os xogadores das diferentes escolas de rugby

Descanso tamén para o equipo sénior do Campus Ourense Rugby que esta fin de semana non xogará ningún partido de competición. Aproveitando esta circunstancia, o sábado vaise disputar un torneo entre os xogadores das diferentes escolas de rugby que o club ten na cidade. O evento comezará ás tres da tarde no habitual campo de Monterrei onde os rapaces e rapazas adestrados por Yayo e Lucas gozarán dunha tarde de rugby con terceiro tempo incluído. Para moitos deles vai ser o primeiro partido que disputen.