DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores de rugby rematan a tempada cunha nova derrota en Lalín

Os equipos sénior de baloncesto acadaron a vitoria nos seus respectivos partidos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 08/03/2010

O Campus Ourense Rugby rematou a tempada cunha derrota en terras de Lalín. Os ourensáns perderon contra o Abellóns RC por un resultado de 26-10 nun encontro trabado no que houbo alternancia de posesións para ambos equipos, aínda que como ven sendo a tónica xeral este ano o equipo non soubo converter en puntos o seu dominio da pelota. Deste xeito, o Campus remata a liga na sétima posición, un resultado que non deixa bo sabor de boca xa que a expectativa era moi superior. Coa liga xa rematada é tempo para a disputa da Copa Galicia que dará comezo en poucas semanas e na que aínda non se sabe cal será o rival dos ourensáns.

Vitoria dos equipos sénior de baloncesto

Os equipos sénior masculino e feminino de baloncesto, pola súa banda, acadaron cadansúa vitoria nos seus respectivos partidos desta fin de semana. O cadro masculino derrotou ao Liceo Casino de Vilagarcía por sete puntos de diferenza (52-45) nun encontro “non moi brillante” segundo as palabras do adestrador Javier Pérez, que atribúe o feito de que os ataques non foran moi fluídos á importancia do enfrontamento a estas alturas da competición. O equipo chegou ao descanso perdendo por cinco puntos e só puido remontar no terceiro cuarto, “cando aumentamos a nosa intensidade defensiva e conseguimos recuperar balóns e atacar máis rápido” nunha estratexia que lles permitiu adiantarse no marcador e gañar o partido. Vitoria tamén a conseguida polo equipo sénior feminino que venceu ao CB Baiona por máis de 20 puntos de diferenza, un resultado que lle permite ter opcións á fase de ascenso.

Os xogadores júnior perden por dous puntos ante o BCA

De “moi emocionante” cualifica o adestrador Miguel González o partido que disputou o equipo júnior de baloncesto este domingo “que non se resolveu ata o último segundo” e que rematou coa derrota dos ourensáns por tan só dous puntos fronte ao BCA (63-65). O partido comezou ben para os xogadores de Miguel González “xa que conseguimos darlle un ritmo alto con transicións rápidas e sen conceder demasiados rebotes ofensivos”. O cadro mantivo unha vantaxe de entre cinco e dez puntos ata os últimos minutos. Segundo explica o adestrador, “a precipitación nos nosos últimos ataques e fallos puntuais na defensa fixeron que o BCA se puxera por riba no marcador, con catro puntos de vantaxe no último minuto. Aínda así tivemos unha última posesión cun punto por debaixo pero o tiro non entrou e perdemos o partido”, declara.