DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo júnior conseguiu en Ferrol a súa primeira vitoria fóra da casa

Os xogadores sénior de baloncesto perderon por só un punto ante o Baiona

O Belenos RC derrotou aos xogadores de rugby en Avilés

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 08/02/2010
Un partido “moi igualado á vez que difícil e complicado”. Así define Javier Pérez, adestrador do equipo sénior de baloncesto masculino, o partido desta fin de semana contra o Baiona que perderon por só un punto de diferenza (69-68). O adestrador explica que o cadro rival “xogou dunha maneira que a nós nos ven moi mal impedíndonos correr e levar a dinámica do partido. Ademais eles son moi superiores fisicamente e fixeron valer esa superioridade física e, a todo isto, hai que sumar o feito de que os colexiados non estiveron moi xenerosos na administración de faltas”, declara. Con todo o partido estivo moi igualado en todo momento con distancias moi curtas no marcador.
“Non houbo un dominador claro. De feito no último minuto iamos perdendo por 7 puntos e conseguimos remontar”, subliñou o adestrador. Este pequeno tropezo sitúa ao Universitario Campus Ourense no terceiro posto da táboa de clasificación por detrás do Allariz e do Tui. O equipo inicia agora un pequeno descanso co gallo das festas do entroido que aproveitará para preparar xa o choque que o enfrontará ao actual líder da categoría, o CB Allariz, o vindeiro día 20 de febreiro no pavillón universitario.

Primeira vitoria fóra da casa para o equipo júnior de baloncesto masculino

O equipo júnior de baloncesto masculino conseguiu este domingo en Ferrol a súa primeira vitoria da temporada fóra da casa acadando un resultado de 58-79 favorable para os ourensáns. O adestrador Miguel González explica que o comezo do partido foi bastante igualado e que as primeiras vantaxes de catro ou cinco puntos conseguiunas o Ferrol. “A partires de aí e co aporte dos xogadores que empezaron o partido na bancada conseguimos remontar e empezar a mandar no marcador gañando de dez puntos no descanso”. Con todo o inicio do terceiro cuarto non foi moi positivo para o conxunto. Nas palabras do adestrador, “en ataque perdemos moitos balóns debido a erros individuais e a malos tiros e eles conseguiron igualar o partido con contraataques”. Este cuarto acabou cun resultado de 45-46 que prevía un último cuarto igualado. Miguel González asegura que os seus xogadores conseguiron demostrar a súa superioridade como conxunto “grazas a un bo movemento do balón e a un acerto extraordinario no tiro exterior, con 7 triples convertidos no último cuarto e 13 en todo o partido”. O próximo domingo os júnior xogarán contra o Peleteiro no pavillón universitario.

O equipo de rugby perde o partido contra os asturianos do Belenos RC

O Campus Ourense Rugby non foi quen de conseguir a vitoria fronte a Belenos RC no encontro disputado esta fin de semana en Avilés. Os ourensáns comezaron dominando o encontro e, cun xogo moi dinámico da dianteira, pecharon aos asturianos na súa zona de vintedous. O dominio visitante reflectiuse no marcador tras a consecución dos primeiros 3 puntos, anotados por Pelos cun drop tras unha xogada de fases dos dianteiros. Durante estes momentos iniciais de dominio os ourensáns tiveron varias opcións de anotar ensaios pero os erros na finalización das xogadas impedírono.
Segundo pasaban os minutos o equipo do Belenos ía obtendo mais balóns en ataque cos que igualaba a posesión do xogo co campus. Na segunda parte un inicio fulminante do equipo local deixaba contra as cordas aos ourensáns que encaixaban dous ensaios máis ao comezo do período. No resto da segunda metade houbo alternancia de ataques por parte de ambos equipos que conseguiron anotar un ensaio cada un, o dos ourensáns despois dunha destacable xogada de equipo que comezou na súa propia zona de vintedous. Ao final do encontro o resultado foi de 31-8, nova derrota para os ourensáns.