DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo ten asegurada a segunda praza da categoría e disputará a fase de ascenso en abril

Os xogadores sénior viaxan ata Cambados para xogar contra o Xuventude Baloncesto

O cadro feminino xogará na casa contra as viguesas do Seis do Nadal

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 26/03/2010

O equipo sénior de baloncesto masculino viaxa este sábado ata Cambados para xogar contra o penúltimo clasificado da categoría, o Xuventude Baloncesto. Os xogadores de Javier Pérez afrontan este novo partido coa tranquilidade de ter xa asegurada a segunda posición da táboa na Primeira División Autonómica e con ela a posibilidade de xogar a fase de ascenso á Primeira División Nacional. Con todo os ourensáns non queren confiarse e están a traballar a reo para preparar o encontro na mellor forma física posible e máis despois das dificultades que tiveron para gañar ao Cruz Alta a fin de semana pasada polo exceso de confianza co que afrontaron o choque.
Segundo explica o adestrador “o xogo contra o Xuventude Baloncesto debería ser un partido de trámite pero vendo as dificultades que tivemos para conseguir a vitoria contra o Cruz Alta non descartamos ter que esforzarnos moito para poder traer a vitoria para a casa”. Javier Pérez cualifica ao rival de “accesible” pero recoñece que gañar o encontro “vai depender de nós, do noso esforzo e entrega no campo”, declara.

O Seis do Nadal, rival das xogadoras sénior

O Seis do Nadal de Vigo vai ser o equipo rival das xogadoras de baloncesto no partido que disputarán este sábado ás 16.30 horas no pavillón universitario. O cadro de Roberto Rapela ten xa asegurada a segunda praza na táboa de clasificación o que lles vai permitir xogar a fase de ascenso á Liga Autonómica Feminina que comezará a mediados do mes de abril, polo que aproveitarán o encontro para pór en práctica novas tácticas de xogo. Segundo explica o adestrador “coa segunda praza asegurada o que tentaremos neste partido contra o Seis do Nadal é que todas as xogadoras participen no encontro. Probaremos tamén novas estratexias de xogo xa pensando na seguinte fase que nos agarda”, declara.
Os xogadores júnior de baloncesto masculino, pola súa banda, gozan dun merecido descanso que os manterá afastados da competición ata o vindeiro día 11 de abril, data na que se enfrontarán contra os lucenses do Estudiantes.