DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Jesús Muñoz Chesa, xerente do Instituto Galego de Consumo, analizou a situación do sector

Os xoguetes infantís, sempre no punto de mira dos pais, nais e das asociacións de consumidores

Ao abeiro do obradoiro ‘Publicidade e consumo: do engano ao delito publicitario pola vía da creativi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 06/11/2013
Coñecer os riscos dun determinado produto, poñamos por caso un xoguete, é esencial para acadar un consumo responsable, explicou este mércores a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz Chesa, nunha conferencia na que tamén incidiu nos mecanismos de defensa que teñen na súa man os consumidores e consumidoras para defendérense “ante os todopoderosos empresarios e o propio mercado”. Nesta liña, o laboratorio de Consumo de Galicia, integrado no instituto, centra boa parte dos seus esforzos “e moitas horas de traballo” en detectar irregularidades nos xoguetes ou en calquera outro elemento que poida ser usado por un neno ou nena, “o eslavón máis débil da cadea”, segundo subliñou Muñoz Chesa.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este relatorio no que a xerente do Instituto Galego de Consumo detallou como traballa o persoal do laboratorio á hora de analizar este tipo de produtos para determinar se cumpren ou non coa lei vixente e, poder así, continuar no mercado. Ao alumando participante no obradoiro Publicidade e consumo: do engano ao delito publicitario pola vía da publicidade, actividade na que se enmarca esta conferencia, sorprendeulle o feito de que dende este organismo dependente da Consellería de Economía e Industria se analice con moito tino “cousas ás que un adulto sen nenos na súa casa non lles prestaría demasiada atención como son as bolsas de plástico coas que se envolven os xoguetes”, xa que poden adherirse á boca ou ao nariz do cativo e impedirlle respirar no caso de que cubra a cabeza con ela, comentou María Jesús Muñoz Chesa.

Tamén son obxecto de estudo e de diversas probas neste centro situado na Coruña outros elementos presentes na vida cotiá dun neno ou nena como poden ser os chupetes. Neste caso, dende o Laboratorio de Consumo de Galicia compróbase que esta peza non teña ningún borde cortante nin ningún outro elemento que lle poida causar lesións, neste caso ao bebé que o usa. As máscaras e cascos son outros obxectos recorrentes na lista de análise “xa que o usuario ou usuaria pode correr risco de asfixia asociada a unha ventilación insuficiente”, asegurou a conferenciante. Os xoguetes con proxectís, as prendas infantís, os flotadores ou aqueles xogos dirixidos e cativos menores de tres anos que teñen pezas demasiado pequenas centran o resto dos controis que realizan diariamente dende este organismo tal e como destacou María Jesús Muñoz Chesa ao abeiro dun obradoiro que dirixe o profesor Fernando Ramos e promove a Vicerreitoría do campus.

O sector financieiro, a telefonía e a enerxía eléctrica centran as queixas dos usuarios

Segundo os datos que manexa o propio Instituto Galego de Consumo, no ano 2012 recibiron máis de 80.000 queixas de usuarios, 24.469 vía telefónica e 61.187 realizadas de xeito presencial nas súas oficinas. Do total de queixas, a maioría delas estaban vinculadas ao sector financieiro, á telefonía e á enerxía eléctrica, asegurou a xerente deste organismo. No que atinxe concretamente ás reclamacións presentadas en relación a un determinado anuncio publicitario, esta cifra ascende ata os 312 casos. Neste campo, dende este organismo estase a traballar na revisión exhaustiva do etiquetado de produtos conxelados poñendo especial atención na composición destes e doutros alimentos. Os anuncios que aparecen en determinadas páxinas web de vehículos de ocasión e os produtos rebaixados completan as campañas de investigación que se están a desenvolver ao longo deste 2013.