DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornalista Tachy Mora abre esta semana o clásico ciclo organizado por Esdemga

Os 'Xoves de Moda' reavivan a artesanía no deseño actual

O alumnado da escola terá a oportunidade de coñecer modelos empresarias de pequena envergadura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 09/04/2012

A Casa das Campás volve reservar os xoves dos meses de abril e maio para os apaixonados e apaixonadas da moda. Esta semana arrinca a sétima edición dos Xoves de Moda, organizados por Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, unhas xornadas que desta volta buscan “potenciar o valor do obxecto único, do saber facer, da artesanía máis contemporánea reinterpretada dende unha visión experimental e innovadora”, sinala Lola Dopico, directora de Esdemga e coordinadora do ciclo. Todos os xoves dende o 12 de abril ata o 31 de maio, xornalistas, deseñadores, arquitectos ou mesmo emprendedores do mundo da moda compartirán a súa experiencia coa comunidade universitaria e coa cidadanía en xeral creando un espazo de coñecemento e debate sobre as últimas tendencias emerxentes do sector. Este xoves inaugurará o ciclo Tachy Mora, xornalista especializada en deseño e profunda coñecedora das “novas modas”.

Durante a presentación desta sétima edición dos Xoves de Moda, Antonia Blanco, vicerreitora do campus, fixo fincapé no longo percorrido destas xornadas que se veñen celebrando dende 2006 e destacou a súa vertente formativa “xa que reforzan e completan os estudos que ofrece esta Universidade”. Dadas as “múltiples facianas” da industria da moda, a directora de Esdemga sinalou que o programa deste ano ten como obxectivo revalorizar o concepto de artesán, “o valor do feito a man, próximo ao saber facer da cultura tradicional e etnográfica, co intento de entender os aspectos claves desta nova tendencia emerxente na moda”.

Aínda que o concepto de estudo muda en cada edición, Os Xoves de Moda tentan manter o seu carácter formativo “conservando o ADN dos inicios”. Así, este programa de formación complementaria permítelle ao alumnado de Esdemga achegarse á realidade do sector téxtil a través do contacto directo con diferentes profesionais que “tentarán orientar ao alumnado sobre o que está buscando”, apuntou Lola Dopico, escollendo nesta ocasión experiencias empresariais de pequena e mediana envergadura “co fin de que o estudante comprobe que se poden levar a cabo proxectos de deseño sen unha grande inversión e próximos ás súas posibilidades”.

Sete experiencias “diferentes”

Se por algo se pode caracterizar esta edición dos Xoves de Moda é pola súa visión “complementaria e interdisciplinar”, convidando a profesionais que “apostaron por un negocio innovador no eido da moda”. A primeira en expoñer a súa visión este xoves 12 de abril será a xornalista especializada en deseño Tachy Mora, que colabora habitualmente con El País e coa revista Neo2. Alterna a súa actividade como xornalista coa asesoría e o desenvolvemento de actividades culturais relacionadas coa moda. Unha perspectiva diferente do sector é a que achegará a deseñadora independente Miriam Ponsa, que aproveitou unha antiga fábrica da súa familia en Manresa para instalar o seu taller e a súa tenda de roupa. Os seus deseños son resultado de combinar técnicas modernas con outras máis artesanais, como o punto do tear manual, “integrando o saber facer tradicional no deseño contemporáneo”, sinalou Dopico. Javier Gutiérrez Bayo, socio do estudo creativo madrileño SuTurno, será o terceiro en intervir nesta edición das xornadas. Ademais de traballar para a súa propia marca, Bayo tamén deseña para outros clientes como Zara Home, sobre todo no terreo da estampación téxtil.

Abrirá os encontros do mes de maio o deseñador galego Manuel Bolaño, quen en 2007 abandonou o equipo de deseño de Mango para “aventurarse coa súa propia marca”. El mesmo defínese como “neo-artesán” e as súas propostas, no límite entre o deseño e a arte, “amosan o profundo coñecer que ten das técnicas artesanais de Galicia e que as pon ao día nos seus deseños”. A seguinte quenda será para a deseñadora galega María Almazán, firme defensora do emprego de tecidos ecolóxicos, producidos sen sustancias químicas. Para o vindeiro 24 de maio María José Marín, premio emprendedora do ano 2011 por We are knitters, compartirá a súa concepción de moda “faino ti mesmo”, pondo á venda kits con todo o necesario (agullas, patrón e tecido) para confeccionar pezas "únicas" de lá 100% natural "cun toque artesanal e persoal”. Segundo aclara Dopico, “é moi interesante o seu concepto de empresa, inspirado nas novas tendencias do feito a man”. Pechará o ciclo Iván Martínez, que xunto coa súa socia Inés Aguilar crearon a marca La Casita de Wendy. Sendo filósofo e arquitecta respectivamente, comezaron a deseñar roupa hai sete anos e compartirán co alumnado pontevedrés o seu concepto de moda caracterizado por un forte uso de cores vivas e de formas orixinais.