DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo UVigo SpaceLab abre mañá un novo ciclo de charlas dirixido ao alumnado 

Os xoves na UVigo as e os emprendedores poñen a ‘chicha’ e a Área de Emprego a ‘limoná’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/03/2022

O emprendemento saído das aulas da UVigo impulsado, ben por asociacións de estudantes, ben por persoas egresadas, pero tamén as accións innovadoras que promoven valores como a inclusión de persoas con diversidade intelectual, serán os protagonistas do ciclo de charlas Xoves con chicha e limoná, que comezará o 3 de marzo. UVigo SpaceLab, o equipo de alumnas e alumnos que cursan diversas titulacións da Universidade de Vigo e que traballan no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais no ámbito educativo, serán os encargados de impartir o primeiro dos relatorios, Das aulas universitarias ao espazo, do ciclo, que se desenvolverá todos os últimos xoves de cada mes, ata o 30 de xuño, entre as 15.30 e as 17.30 horas, no novo espazo Incuvi-Emprende da praza Miralles do campus de Vigo.

Ademais de dinamizar o novo espazo Incuvi-Emprende, como centro neurálxico do emprendemento na UVigo, con este ciclo preténdese “pór o alcance da comunidade universitaria experiencias de distintas tipoloxías de emprendemento, desde aquel que se fai nas aulas universitarias a través das asociacións de estudantes, ata outras promovidas por persoas egresadas en sectores, en ocasións, pouco coñecidos. Ademais queremos pór en valor a inclusividade de persoas con discapacidade intelectual en proxectos de emprendemento”, detalla Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria UVigo. Aínda que o ciclo está principalmente dirixido ao estudantado, persoas egresadas e membros da comunidade universitaria, caso de quedar prazas baleiras, estas poderán ser ocupadas por persoas alleas á UVigo.

“Buscamos que as charlas se desenvolvan de xeito distendido, e ocorréusenos ofrecer limoada, algo fresco, como o espazo Incuvi, un local moi polivalente! Como non podía ser doutra forma, a chicha porana os poñentes coas súas experiencias e vivencias”, aclara Álvarez en relación coa denominación do ciclo, no que as persoas interesadas en participar serán aceptadas por orde de inscrición.

Posta en valor do emprendemento menos coñecido

Coa intención de “fuxir dos relatores e relatoras máis coñecidos no ecosistema emprendedor e pór en valor a pequenos emprendedores que apostan por outras formas de traballar”, a Área de Emprego da UVigo botou man de asociacións universitarias, como UVigo SpaceLab e Alumni-Uvigo, que pechará o ciclo o 30 de xuño, coa intención de “darlle a visibilidade que merecen. Son estudantes que compaxinan esta actividade coa posta en marcha de proxectos de moi alto nivel social e empresarial. Pensamos que é unha boa fonte de inspiración para outros estudantes”, destaca a directora da Área de Emprego. 

O 24 de marzo será a viguesa Raquel Espiña, creadora da firma de lencería House of Malasanta, quen impartirá o relatorio titulado Máis aló do algoritmo: desafíos para empresas dixitais diferentes, así como un obradoiro de stop motion con Instagram. “Raquel Espiña é un bo exemplo da importancia do atrevemento e da rotura de moldes”, sinala Maruxa Álvarez en relación coa creadora de House of Malasanta, á que seguirá o 28 de abril Brais Armiño, responsable de AtlantHY, empresa con sede en Vigo e Madrid, que asesora as actividades de descarbonización das empresas mediante o uso de hidróxeno verde nos sistemas enerxéticos. “Brais contactou coa Área de Emprego buscando talento para ampliar o seu equipo de traballo e cremos que a aposta por romper co sector enerxético tradicional paga a pena que se dea a coñecer”, explica a directora da Área de Emprego.

O 26 de maio será a quenda para Lydia García, responsable de Repostería Creativa, que falará de emprendemento exclusivo e inclusivo.”Lydia é graduada social pola UVigo e dende sempre os seus estudos estiveron enfocados ao mundo da xente con necesidades especiais, e aínda que, un día, as tortas, puxéronse no seu camiño, nunca deixou de lado, esta aposta pola inclusividade, que se reflicte no seu equipo de traballo”, detalla Maruxa Álvarez. O ciclo rematará o 30 de xuño cunha charla de asociación Alumni-UVigo titulada Recuperando o talento na nosa Universidade.