DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseñador Antonio Alvarado abre este xoves o clásico ciclo organizado por Esdemga

Os xoves volven estar 'de moda' en Pontevedra

O alumnado terá a oportunidade de coñecer de 1ª man distintas alternativas profesionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 16/03/2011

O alumnado interesado en desenvolver a súa carreira profesional no mundo do deseño e a moda debe ser consciente da realidade laboral coa que se vai atopar unha vez finalizados os seus estudos. Con este obxectivo organizouse a sexta edición dos Xoves de Moda, xa que “debemos formar tendo en conta o difícil intre que atravesa este sector e ofrecer novas alternativas”, comentou Lola Dopico, directora de Esdemga e coordinadora do ciclo. Para iso, todos os xoves desde o 17 de marzo ata o 14 de abril, profesionais do sector da moda e do deseño achegarán as súas experiencias “nas que relatarán diferentes camiños que se poden tomar para triunfar”. Mañá inaugurará as xornadas o deseñador Antonio Alvarado, cun traballo moi vinculado ao cine.

Como consecuencia “da complexidade económica dos tempos que corren”, esta edición dos Xoves de Moda quere “pór os pés na terra”, achegando saídas laborais máis aló do contrato de traballo convencional. Así Lola Dopico, na presentación das xornadas, subliñou a necesidade “de conectar aos estudantes co que se van atopar fóra porque é agora, nas escolas de formación, cando poden escoller o seu camiño”.

Deste xeito afondarase en diferentes alternativas laborais, comerciais e profesionais como poden ser “o desenvolvemento de proxectos propios, que aínda que supoñen un risco, son pequenas producións a cabalo entre o deseño e a artesanía, con posibilidade de convivir coas grandes cadeas como Inditex”, engadiu Dopico. "Soen ser propostas moi puntuais, de pequena envergadura, moi diferenciadas do convencional, que se están abrindo un oco a través das tendas online”. Neste contexto laboral complicado a directora de Esdemga aproveitou para dar unha mensaxe optimista a través dos logros da que foi alumna da escola, Isabel Mastache, que deseñou o vestiario do principal cantante de REM para o seu último videoclip musical, “sendo todo un orgullo que leven estilismos de alguén que xurdiu de aquí”.

Cinco convidados, cinco experiencias de éxito

Coa intención de crear un diálogo constante co público, todos os convidados falarán das súas experiencias profesionais “dunha forma moi directa para orientar ao alumnado sobre o que están buscando”, aclarou Lola Dopico. Así o primeiro relatorio, correrá a cargo de Antonio Alvarado, deseñador moi centrado no mundo do cine. Trátase “dun referente moi conectado con toda a xeración da movida madrileña dos anos 80 e 90, que traballou con Almodóvar, Bigas Luna, Trueba ou Colomo”, con máis de trinta anos de experiencia no mundo da moda e con presentacións e desfiles en Milán, Florencia, Berlín ou Burdeos.

Para o vindeiro 24 de marzo resérvase un enfoque máis novo e diferente cos profesionais Natalia Pérez e Jorge Bolado, ex-alumnos da Facultade de Belas Artes que forman a marca American Pérez, “un proxecto que está dando uns pasos moi sólidos no territorio do deseño máis contemporáneo da moda”. Paco Peregrín será o convidado do xoves 31 de marzo, fotógrafo especializado en moda “que vén de publicar en moitas revistas como Elle e entre os seus clientes destacan Nike, Adidas, Lee ou Levi`s”, comentou Dopico.

O sector da dirección de arte será abordado por Lluis Corujo o 7 de abril, “que conta cun perfil creativo moi interesante de grande atractivo para a xente nova”. O ciclo de conferencias pecharao Dora Romero o 14 de abril, tamén licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, “unha creadora que foi quen de crear unha marca pequena e a súa medida en Barcelona, un proxecto propio con identidade do que fixo a súa forma de vida”, concluíu a directora de Esdemga.