DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seminario Italo-Iberoamericano de Dereito do Traballo e da Seguridade Social

Os xuíces anulan o 70% dos despidos colectivos por deficiencias durante a súa negociación

A Universidade de Vigo reúne a 30 expertos en dereito laboral para debater sobre a acción sindical n

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 22/05/2013

Con algo máis dun ano de vida, a reforma laboral mudou o xeito de despedir en España: os expedientes de regulación de emprego ganan terreo; o despido obxectivo, coa indemnización máis baixa, crece de modo significativo; o despedimento exprés desapareceu, o máis caro de todos por partir dunha compensación de 45 días por ano; os pactados en órganos de arbitraxe duplicáronse... Unha realidade social e laboral que fai “especialmente acaído” debater sobre cuestións relativas a “garantías en procesos traumáticos de reconversión industrial nos que a existencia de unidades representativas dos traballadores ten unha importancia fundamental”.

Ese é o obxectivo do Seminario Italo-Iberoamericano de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Participación e acción sindical na empresa, que entre hoxe e mañá reúne en Vigo a máis de 30 expertos en dereito laboral para contrastar os diferentes modelos de representación dos traballadores na empresa partindo dos convenios da Organización Internacional do Traballo (OIT). Organizado pola Universidade de Vigo co apoio de diferentes institucións do sector, durante dous días profesores de México, Panamá, Colombia, Arxentina, Perú, Italia, España e Portugal reestudarán “os convenios nesta materia sen perder de vista os relacionados coa liberdade sindical”, como explicou Jaime Cabeza, catedrático e un dos integrantes do comité organizador do seminario xunto coa profesora Belén Fernández Docampo.

As fases de diálogo e consultas, fundamentais

Foros de debate como o que acolle o hotel NH-Palacio de Vigo durante dúas xornadas son, segundo os expertos, fundamentais para redescubrir de novo convenios da OIT esquecidos durante etapas de maior desenvolvemento económico para aplicalos a “unha época na que priman os despedimentos colectivos” e no que a interlocución e as fases de diálogo e consulta entre empresario e representación dos traballadores é vital, xa que “o 70% das nulidades nos despidos colectivos se están a producir por deficiencias” nesas fases.

A reforma laboral xa recolleu as primeiras sentenzas en contra de medidas que para os xuíces non protexen totalmente os dereitos dos traballadores e que “deixan moitos flocos abertos”. “Na reforma de 2012 o Goberno tentou cumprir formalmente, pero esqueceu o fondo do asunto, o contido substantivo dos dereitos de información e de consultas”, subliñou Cabeza, para quen este cambio “tentou o contrario do que conseguiu: restarlle capacidade decisoria ao poder xudicial. Pero nun sistema causal de despido, garantista, de tutela xudicial, é lóxico que os tribunais sempre teñan un papel fundamental na valoración dos despidos”.

Un sistema moito menos protector que hai unha década

Os despedimentos colectivos foron o eixo fundamental sobre o que pivotou a última reforma laboral, flexibilizándoos e pasando de precisarse unha autorización administrativa, o chamado expediente de regulación de emprego, a un “intervencionismo representativo dos traballadores no que aparece unha esixencia máis ampla de facer consultas con eles, que é o que a empresa aínda non interiorizou”. Por iso, falar dunha nova reforma “antes ou despois” non é desatinado.

“Esta historia xa a escribimos hai 20 anos, cando os empresarios pensaron que xa acadaran o que querían cambiando o despido individual ata que as interpretacións dos xuíces non lles gustaron e provocaron máis reformas flexibilizando máis o despido”, salientou Cabeza, para quen as reformas das últimas dúas décadas “son unha carreira constante para limar a protección dos traballadores. Temos un sistema bastante menos protector en 2013 do que tiñamos por exemplo no 2003, así hai unha alta porcentaxe de despedimentos individuais con sentenzas xudiciais que os declaran axustados ao dereito”.