DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Facultade de Dereito do campus de Ourense

Os xuízos paralelos de programas como "Sálvame" centran a inauguración das xornadas Comunicación e Xustiza

Tratan de conciliar o dereito á liberdade de expresión e información co de presunción de inocencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noemí Rey DUVI 20/10/2010

Filtracións, xuízos paralelos, circos mediáticos e condenas públicas antes de que saian as sentenzas oficiais foron o eixo de debate na inauguración das xornadas Comunicación e Xustiza, que organizou o Consejo General del Poder Judicial e a Universidade de Vigo para este mércores e xoves no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Un foro de formación e debate no que se persegue "conciliar o dereito á liberdade de expresión e de información co dereito á presunción de inocencia e á tutela xudicial efectiva, entre outros", asegurou Inés Iglesias, docente titular de Dereito Procesal e organizadora dos relatorios.

O punto de partida, a necesidade da Xustiza de darse a coñecer e facerse accesible aos cidadáns. Aínda que en moitas ocasións iso supoña traspasar a delgada liña entre "o límite de veracidade dos medios e a presunción de inocencia dos enxuiciados", explicou Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense. "Os xuízos paralelos están moi de moda con programas dedicados case en exclusiva a facer debates sobre a inocencia ou culpabilidade dalguén, influíndo de xeito negativo tanto nos profesionais como nos posibles xurados", sentenciou.

Neste caso, os tempos de traballo son os principais inimigos do sector xudicial, xa que cando a xustiza toma unha decisión xa vai moito tempo que os medios de comunicación ditaron sentenza. "A crónica política foi substituída por unha crónica xudicial con programas de debate. A realidade é que os xuíces teñen un modo de traballo regulamentado que precisa de máis tempo ca un plató de televisión", reflexionou Antonio Dorado, vocal do CGPJ. Unha "crítica" que se fai desde o coñecemento de que só chegando aos cidadáns conseguirán un control informal deste poder do Estado. Para iso hai seis anos que o Consejo General del Poder Judicial leva a cabo políticas de comunicación máis activas, aínda que en moitas ocasións leve un choque de dereitos asociado.

Medo aos circos mediáticos

Os problemas xurden cando un caso é demasiado mediático e aparecen as filtracións, que se saltan un segredo sumarial "necesario para garantir o bo camiño da investigación". Os límites chegan aquí entón da man do respeto e do sentido común ou da ética e códigos deontolóxicos. "Hoxe os medios non só dan información, senón que xuzgan, sobre todo na televisión. Fan veredictos anticipados da persoa que se está a xulgar, co menoscabo dos seus dereitos á intimidade, a honra ou á presunción de inocencia e perturbando a obxectividade dun xuíz que debe ser imparcial", ratificou Emilio Atrio, presidente del Consello Social da Universidade de Vigo. Por iso os profesionais piden coidado coa toma de decisións que afectan a terceiros porque "se a opacidade da pé a abusos de poder, os xornalistas deben aplicar medidas deontolóxicas e non informarse en programas como Sálvame. Veracidade non é sinónimo de obxectividade, senón reflexo da realidade", rematou.

Con dúas xornadas de debate, a primeira centrada no segredo de sumario e a segunda nos xuízos paralelos nos medios audiovisuais, os participantes tratarán de chegar a unha simbiose o máis perfecta posible sobre liberdade de expresión e privacidade e ser un foro de formación para os profesionais dedicados ao mundo da xudicatura ou do xornalismo. "As conclusións darán novos enfoques e propostas que aumentarán a calidade da información xudicial nos medios", resumiu Plácido Álvarez, vicepresidente da Deputación de Ourense.