DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos italianos aportarán a súa experiencia neste ámbito

Os xuristas actualizan a súa formación ante os retos do EEES e do dereito europeo

As xornadas celebraranse o 9 e 10 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/12/2010
Coa reforma do Espazo Europeo de Educación Superior e co desenvolvemento do dereito europeo, os estudantes e futuros xuristas enfróntanse a un novo marco docente e profesional para o que precisan formación. Con esta idea, o campus de Ourense celebra os vindeiros 9 e 10 de decembro as xornadas A Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Global. Nelas, expertos en dereito galegos, estatais e italianos ofrecerán aos estudantes a súa visión da nova realidade que teñen por diante.

A profesora María José Bravo Bosch, unha das coordinadoras do curso, explica que o obxectivo desta iniciativa é “explicarlle moi claramente ao alumnado en que consiste a nova realidade de autoaprendizaxe do EEES e amosarlles as ferramentas que teñen á súa disposición”. Entre estas novas metodoloxías que impón Boloña, Bravo Bosch salienta a importancia que no caso dos xuristas terán o desenvolvemento das habilidades oratorias e o traballo en grupo. “Antes había clases maxistrais e exames, agora é avaliación continua e hai que explicar moi ben como se vai facer ese cambio e que vai supoñer”, comenta a profesora.

A profesora Inés Iglesias, tamén coordinadora da xornada destaca a importancia de “complementar a formación dos xuristas” reunindo a expertos de diferentes países para reflexionar sobre como debe ser a formación xurista europeo ante a perspectiva e retos que introduce o EEES e a incorporación a un espazo único europeo.

Perspectiva galega e foránea

O primeiro día deste ciclo, ao que está previsto que asistan un cento de estudantes, serán profesores das universidades galegas, principalmente da Universidade de Vigo, os que explicarán aos asistentes diferentes aspectos a ter en conta no novo contexto europeo.

Comezará a profesora de Dereito Procesal da Universidade de Vigo Inés Iglesias, presentando as novas orientacións na súa área en España e Italia, facendo especial referencia ao proceso civil telemático no país veciño. Seguiralle o profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo José Agustín González, que afondará na docencia da súa materia no marco do EEES.

A análise da nova avogacía e da nova realidade xurídica en Europa correrá a cargo dos profesores Modesto Barcia, da Universidade da Coruña e de Luis Rodríguez, da Universidade de Vigo. Xa para rematar o primeiro día de traballo, María José Bravo Bosch amosará a importancia do Dereito Romano na formación dos xuristas europeos.

O segundo día serán os convidados de universidades italianas e estatais os que achegarán a súa experiencia á xornada. A elección de Italia débese, segundo explican as coordinadoras da iniciativa, a que nese país os procesos de implantación do EEES e do dereito europeo xa están máis maduros e poden ofrecer un punto de vista moi enriquecedor para os asistentes en base á súa experiencia. O profesor Remo Caponi, da Universidade de Florencia, afondará na construción dun dereito común europeo e o profesor Vicenzo Durante, da mesma universidade, abordará o tema Un dereito global; novos itinerarios formativos?.

Xa para rematar o encontro, o profesor Juan Alfredo Obarrio, da Universidade de Valencia, achegarase ao novo dereito europeo desde a perspectiva do Dereito Romano e a profesora da Universidade do País Vasco, Esperanza Osaba falará sobre as competencias asociadas ás habilidades comunicativas nos estudos de dereito desde unha perspectiva de futuro.

O encontro celebrarase no salón de graos da Facultade de Dereito e está organizado pola Área de Dereito Romano e Dereito Procesal da Universidade de Vigo.