DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é diagnosticar e aportar solucións aos problemas da administración de xustiza

Os xuristas analizarán os retos do sector nunhas xornadas

Participarán representantes de todos os estamentos así como políticos e académicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 07/06/2010

Explica Pablo Raúl Bonorino, profesor de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, que o principal reto ao que debe enfrontarse a xustiza hoxe en día é o de ser capaz de facer máis con cada vez menos recursos. Nas súas palabras, “os xulgados teñen unha gran sobrecarga de causas e, sen embargo, os seus cadros de persoal e presupostos non aumentaron”. Asegura tamén o profesor Bonorino que a xustiza enfróntase a novos retos xerados polas novas tecnoloxías –a difusión do uso da Internet- e, no plano político, a irrupción do terrorismo internacional “que está a desequilibrar a balanza entre as liberdades individuais e a seguridade”, declara.
Profesionais de todos os estamentos da xustiza analizarán estas e outras problemáticas do sector no seo das xornadas sobre Un modelo de xustiza para o século XXI, unha actividade organizada polo Instituto Xurídico Académico e Social Ourensano, baixo a dirección académica do profesor Bonorino, e patrocinada polo Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras institucións. A iniciativa desenvolverase durante os días 10 e 11 de xuño no Centro de Desenvolvemento de Caixanova e está destinada a todos os profesionais relacionados coa administración de xustiza así como a docentes e estudantes da Universidade de Vigo.

Relatorio sobre a argumentación xurídica

O punto de partida das xornadas será un relatorio sobre A argumentación xurídica: técnica e fins que impartirán o profesor Bonorino e o tamén docente Juan Antonio García, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de León, o 9 de xuño ás 20.00 horas no Colexio de Avogados de Ourense.
A inauguración oficial das xornadas será o 10 de xuño ás 11.00 horas no Centro de Desenvolvemento de Caixanova para dar paso, de seguido, a un programa no que especialistas do sector abordarán en táboas redondas temáticas como a situación actual da xustiza en Galicia, o actual colapso xudicial, a xustiza ante o poder político e a modernización da xustiza, entre outros asuntos de interese. A finalidade da iniciativa é, nas palabras de Bonorino, “abrir un espazo de diálogo para facer unha diagnose dos problemas aos que se debe enfrontar a administración de xustiza neste novo século para poder facer propostas capaces de aportar solucións aos mesmos”, declara. Membros de todas as escalas do poder xudicial, políticos e académicos compartirán, xa que logo, un mesmo espazo de discusión “para debater sobre o estado da situación e as posibles formas de enfrontar os seus desafíos”, explica o docente.
Os promotores das xornadas confían en que o número de inscritos supere as cen persoas e animan moi especialmente ao alumnado da Facultade de Dereito a participar nos seminarios “xa que terán a posibilidade de asistir a deliberacións que influirán no desenvolvemento da xustiza nos próximos anos no noso país”, asegura Bonorino.
A actividade é totalmente gratuíta e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mesmo día de inicio das xornadas.