DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesionais de todos os estamentos debaten sobre os retos do sector no século XXI nunhas xornadas

Os xuristas defenden a inversión na xustiza como un medio eficaz para saír da actual situación de crise económica

Emilio Atrio subliñou a necesidade dun entendemento entre a Universidade e a sociedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 10/06/2010

No ano 2009 os xulgados e tribunais fixeron fronte a preto de dez millóns de novos asuntos nunha contorna que, segundo Pablo Raúl Bonorino, profesor de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, a xustiza debe enfrontarse a un reto fundamental como é o de facer máis con cada vez menos recursos. Unha realidade que sofren moi de preto os máis de 4600 xuíces españois que, en opinión de Fernando de Rosa, vicepresidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), “traballamos nunhas condicións que non se admitirían noutros ámbitos da sociedade”, sinala. Por todo isto hoxe máis ca nunca e segundo Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, “necesitamos dunha boa diagnose que nos permita converter a xustiza do século XXI nunha xustiza áxil e eficaz que resolva os problemas dos cidadáns”.
Analizar os problemas que debe enfrontar a administración de xustiza neste novo século e facer propostas capaces de achegar solucións aos mesmos son, precisamente, os obxectivos das xornadas sobre Un modelo de xustiza para o século XXI que se están a desenvolver en Ourense baixo a dirección académica do profesor Bonorino. A iniciativa conta co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo cuxo presidente, Emilio Atrio, subliñou no acto inaugural do seminario o apoio da institución académica a este tipo de eventos que posibilitan un maior achegamento e contacto da Universidade coa sociedade. Nunha contorna de crise económica como a que estamos a vivir, os poñentes coincidiron en sinalar a inversión na xustiza como un bo medio para saír da crise. Nas palabras de Fernando de Rosa, “dotar de máis medios á administración de xustiza permitiralle aos xulgados mercantís dar resposta aos empresarios, aos xulgados sociais, prestar axuda aos traballadores e aos xulgados civís e asegurar que as reclamacións de cantidade teñan os fondos necesarios. Por todo isto penso que apoiar a xustiza é apoiar a saída da crise”, asegurou.

Novo edificio xudicial en Ourense

As xornadas están organizadas polo Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán (INJUICIO), unha asociación xurídica presidida por Antonio Piña, maxistrado decano de Ourense, que ten por obxectivo a promoción e o desenvolvemento da xustiza e do dereito na sociedade. O acto inaugural do seminario reuniu ao redor dunha mesma mesa a profesionais de distintos estamentos vinculados co sector. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, subliñou a necesidade de dotar á administración de xustiza “dos medios económicos, humanos e materiais necesarios para poder cumprir a súa misión” e fixo referencia tamén ao novo edificio xudicial que se vai construír na cidade e para o cal o Concello xa puxo o terreo necesario a disposición da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. Unhas declaracións compartidas polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que subliñou “o compromiso do Goberno galego coa xustiza” e o investimento de máis de 18 millóns de euros no citado edificio “que permitirá concentrar nun mesmo lugar a todas as dotacións xudiciais, o que repercutirá moi positivamente na eficacia deste organismo”.

A modernización da xustiza

A modernización da xustiza “é unha cuestión que preocupa ao Goberno de España”, segundo asegurou o subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo, nunha liña necesaria para asumir os novos retos do modelo xudicial, catro segundo o xurista Carlos Varela. Nas súas palabras, “é necesario crear unha nova xeografía de xustiza, implantar as novas tecnoloxías para axilizar o seu funcionamento, facer unha análise rigorosa do sector e establecer novas estruturas de mediación”. Todo iso nun marco de respecto á xustiza e nunha contorna de independencia do poder xudicial subliñadas por Miguel Ángel Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como “necesidades constitucionais e sociais”.
No acto inaugural interviñeron tamén o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar e o vicepresidente do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar –que subliñou o traballo desenvolvido por este organismo para que a calidade da xustiza “sexa obxecto dunha mellora permanente”-.

O ministro de Xustiza presidirá a clausura das xornadas

Tralo acto inaugural desenvolveuse o primeiro relatorio das xornadas que versou sobre a situación actual da xustiza en Galicia. Foi comezo dun ciclo de exposicións e táboas redondas no que se abordan asuntos de grande interese como o actual colapso xudicial, a reforma das leis orgánicas e procesais, a xustiza ante o poder político e a modernización do sector, entre outros.
As xornadas chegarán ao seu fin este venres pola tarde cun relatorio sobre A xustiza do século XXI a cargo de Margarita Robles, vogal do CGPJ. O relatorio de clausura correrá a cargo de Francisco Caamaño, ministro de Xustiza.