DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito e o Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán organizan xornadas neste á

Os xuristas preocúpanse pola protección do patrimonio e os problemas sociais

Destacados expertos da avogacía e a docencia participarán nas iniciativas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/04/2011
Unha das frontes de abordaxe e busca de solucións de moitas problemáticas é o Dereito. Con esta perspectiva, diferentes expertos neste ámbito participarán proximamente nos encontros Historia, Cultura e Dereito V, organizados pola Facultade de Dereito, e nas xornadas Pensar o Dereito, dirixidas polo Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán. O desenvolvemento sostible do rural, a protección xurídica das augas, a responsabilidade patrimonial médica ou a proba científica serán algúns dos temas sobre os que destacados nomes do ámbito xurídico e académico intentarán botar luz.

As xornadas Historia, Cultura e Dereito V celebraranse do 28 ao 30 de abril no Concello de Bande, entidade colaboradora da iniciativa. “Este ano os obxectivos do curso céntranse na protección do patrimonio cultural e ambiental. Ademais, e como en anteriores edicións, o programa combinará a participación de destacados especialistas no seu ámbito de coñecemento coas visitas culturais a diversos enclaves de interese da zona” explica Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito e director da iniciativa.

A actividade comezará o xoves cunha intervención de María José Bravo, profesora da Universidade de Vigo, sobre a minería romana e a súa transcendencia para o medio ambiente, e outra de Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, sobre o patrimonio termal ourensán. O programa continuará os días seguintes abordando cuestións como o patrimonio eclesiástico e medieval, a sostibilidade rural, o dereito fundamental en medio ambiente e a protección xurídica das augas. Para facelo, intervirán Iván Quintana, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e os profesores Rafael-Andrés Velázquez, Beatriz González, Roberto Orlando, e Susana Álvarez. Os asistentes tamén realizarán visitas ao complexo Aquis Querquensis, a Santa Comba de Bande e ao Parque Xurés-Baixa Limia.

Foro de análise e debate

Tamén para abordar cuestións de actualidade e preocupación social, o Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán organiza, coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, as xornadas Pensar o Dereito. Solucións xudiciais a problemas sociais. Segundo salienta o avogado Iago Fariñas, director da iniciativa xunto a Antonio Piña, maxistrado-decano de Ourense, “nestas xornadas trataranse distintos temas de grande interese xurídico e académico e cuestións que preocupan socialmente, como a reforma xudicial e a responsabilidade médica, porque afectan a todos, profesionais da administración de xustiza, xuristas e sociedade en xeral”.

As xornadas dividiranse en 5 sesións que se prolongarán desde o 4 de maio ao 9 de xuño. Durante ese período achegaranse a Ourense os catedráticos Marina Gascón, Manuel Atienza, e Darío Villanueva. Como representantes do ámbito xurídico, estarán Miguel Ángel Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Manuel Almenar, vogal do Consejo General del Poder Judicial; Antonio Piña, maxistrado-decano de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Juan Carlos Trillo, maxistrado do Tribunal Supremo, e José Antonio Ballestero, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un destacado panel de relatores co que, salienta Fariñas, queren “contribuír desde o ámbito xurídico a unha sociedade plural e servir de foro de discusión, formación e proxección da vida xurídica ourensá”.