DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo da EET da UVigo desenvolveu un sistema innovador para enfrontar os retos enerxéticos 

Os Zamburiñas, subcampións da segunda edición do hackathon HPE CDS Tech Challenge

Máis de 250 estudantes participaron na competición de programación de Hewlett Packard Enterprise

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 26/04/2023

O equipo Os Zamburiñas, integrado por cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo proclamouse subcampión da  segunda edición do hackathon HPE CDS Tech Challenge. Logo de 25 horas ininterrompidas de programación, o equipo formado por Alejandro Mateo Costa de Dios, Pablo Cores Lijó, Nicolás Sousa González, Javier Bilbao Lima e Miguel Pastoriza acadou o segundo posto na competición, na que participaron, ao longo de seis meses, máis de 250 estudantes de toda España, amosando as súas habilidades tecnolóxicas para desenvolver solucións innovadoras coa sostibilidade no planeta como fío condutor. 

Cinco equipos, formados por 24 estudantes, acadaron a final do hackathon, que se celebrou nas oficinas de Hewlett Packard Enterprise España na localidade madrileña da Las Rozas e na que o equipo da Universidad Pontifica de Comillas proclamouse campión co deseño dun sistema intelixente de aproveitamento enerxético para reducir a pegada de carbono na xeración e transporte de enerxía, optimizando ao mesmo tempo, o equilibrio entre a ética e o custo na xeración do subministro. Entre os premios acadados polos e polas gañadoras, inclúese un programa de bolsas para traballar no grupo Hewlett Packard Enterprise, ao que se incorporaron como empregados 17 participantes na primeira edición do hackathon.

Na clausura da competición, Alfredo Yepez, presidente de Hewlett Packard Enterprise para Latinoamérica, Sur de Europa e España, asegurou que “esta segunda edición do HPE CDS Tech Challenge confirma o noso compromiso coas novas xeracións e o planeta. En HPE levamos décadas reimaxinando o futuro e innovando para mellorar a forma na que as persoas viven e traballan”. 

Retos tecnolóxicos arredor da sostibilidade no planeta

A sostibilidade no planeta foi o tema elixido para a segunda edición do programa, no que o alumnado participante se enfrontou durante varios meses a unha serie de retos tecnolóxicos (probas orientadas á intelixencia artificial, desenvolvemento de software, algoritmia ou lóxica para construír solucións eficientes que melloren a forma na que viven as persoas). Nesta segunda edición a compañía confirmou o seu compromiso por contribuír á implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 de Nacións Unidas, apoiándose na plataforma HPE GreenLake coa que HPE axuda aos seus clientes a despregar solución IT sostibles para un mundo híbrido impulsado polos datos.

Xunto á UVigo, a Universidad de León, a Pontificia de Comillas, a de Castilla-La Mancha e a Europea de Madrid, foron os equipos que participaron na final.