DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 51 votos a favor, seis en contra e tres abstencións na Xunta de Facultade

Óscar García, novo decano de Ciencias da Educación e do Deporte

Sinala como unha das prioridades a necesidade de novos espazos e equipamentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/04/2021

Con 51 votos a favor, seis en contra e tres abstencións, o profesor da Área de Educación Física e Deportiva Óscar García converteuse este mércores no novo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para os próximos tres anos. Tralo remate do segundo mandato do profesor Vicente Romo, que permanecía á fronte do Decanato desde 2015, García encabezou a única candidatura que concorreu ao proceso electoral aberto no centro, que nesta xornada se sometía á votación da Xunta de Facultade. Contribuír a que o persoal docente e investigador poida “desenvolver o seu labor o mellor posible”, traballar na consecución de novos espazos e equipamentos e potenciar a imaxe exterior da facultade foron as tres “áreas de mellora” nas que García centrou o discurso de presentación da súa candidatura, que busca tamén, explicou, dar continuidade ao traballo realizado polo anterior equipo decanal.

De feito, no novo equipo continúan como vicedecanos os profesores Uxío Pérez, Mercedes Varela e Ezequiel Rey, responsables das áreas de Organización Académica e Infraestruturas, Calidade e Prácticum e TFG, respectivamente, mentres que Romo substitúe a García na secretaría académica. O equipo complétase coa profesora Eulalia Agrelo como nova vicedecana de Relacións Institucionais. “O apoio recibido é moi positivo, é un honor ter recibido esta confianza da comunidade académica e o único que espero é poder devolvela nestes tres anos”, salientou ao remate da votación o novo decano. Docente do Departamento de Didácticas Especiais, García é profesor da facultade desde o ano 2003 e integrante do grupo de investigación HealthyFit, no que é responsable do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar.

Unha facultade que “queda pequena”

Na súa intervención na da Xunta de Facultade, que tivo lugar no pavillón do centro por mor das medidas de distanciamento ás que obriga a covid-19, García puxo de relevo que este é un centro que “afortunadamente, quédasenos pequeno”, algo que atribuía a que “os nosos títulos de grao e máster funcionan moi ben e gozan de boa saúde" e a que “cada vez máis profesorado ten proxectos moi relevantes, educativos e de investigación”. Partindo desta situación, un dos eixos do seu mandato, sinalou, será traballar “da man da Vicerreitoría do campus, para ser capaces” de dotar ao centro “de novos espazos e equipamentos que respondan a esas necesidades”. 

O factor humano, piar central

Previamente, García puxo o acento no “factor humano, o mellor capital dunha organización” e incidiu en que outro dos obxectivos do equipo decanal será contribuír a que profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos poida “realizar o seu labor da mellor maneira posible”. O obxectivo, sinalou, é “conseguir que cada profesor teña o seu espazo para desenvolver o seu labor docente e investigador”, coa idea de que o alumnado poida beneficiarse dese traballo e “alcanzar unha formación óptima de cara a un mercado laboral cada vez máis competitivo”. 

“O factor humano é clave para ser unha facultade de referencia e nós témolo”, concluíu García, que a raíz desta idea sinalou como outros dos obxectivos do mandato tratar de potenciar a imaxe exterior da facultade. “Aquí traballase moito e trabállase ben, pero quizais non fomos capaces de exportar esa imaxe ao exterior”, salientou na súa intervención, na que subliñou que o obxectivo debería ser que o centro se convertese “na primeira opción de calquera estudante que queira ser mestre ou educador físico deportivo”, tanto dentro como de fóra de Galicia. Nese obxectivo, sinalou o papel que poden xogar os egresados e egresadas, “que cada vez é máis frecuente que alcancen as mellores puntuacións nas oposicións, reciban premios ou alcancen altas cotas no eido profesional, polo que teñen que ser un activo para crear imaxe de marca”. 

Por último, García salientou que o novo equipo decanal terá tamén como obxectivos “ser transparente na xestión dos recursos da facultade” e “apoiar o crecemento” dos proxectos de investigación, innovación docente e transferencia do coñecemento á sociedade, que á súa vez pode servir como “pasarela dos nosos egresados de cara o mercado laboral”. Do mesmo xeito, puxo de relevo a “gran responsabilidade social” que implica formar tanto mestres e mestras como educadores físico-deportivos, xa que se tratan de profesións “cun impacto social enorme” que poden contribuír a “cambiar a sociedade”.