DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura obtivo 45 votos a favor, 5 en contra e unha abstención na Xunta de Facultade

Óscar García, reelixido decano de Ciencias da Educación e do Deporte

Á fronte dun equipo definido pola continuidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/02/2024

Tras recibir o apoio do 88% das persoas participantes na Xunta de Facultade celebrada este xoves, Óscar García afrontará un segundo mandato á fronte de Ciencias da Educación e do Deporte. Decano da facultade pontevedresa desde 2021, o profesor da Área de Educación Física e Deportiva encabezaba a única candidatura que concorreu ao proceso electoral aberto no centro e que, na votación que tivo lugar nesta xornada, acadou 45 votos favorables, cinco en contra e un en branco. “Agradecido por un apoio absolutamente positivo, pero que xera unha maior responsabilidade aínda”, García afronta esta nova etapa á fronte dun equipo no que repiten presenza todos os integrantes do equipo decanal no mandato anterior. Faino, como sinala, con “retos” de futuro como acadar a implantación dun mestrado en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, abordar as futuras modificacións dos graos en Educación Primaria e Educación Infantil ou “seguir dotándonos de novos espazos”.

Profesor do Departamento de Didácticas Especiais e integrante do grupo de investigación HealthyFit, dentro do que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar, García destacou que un dos factores que determinou que optase á reelección foi a continuidade dun equipo decanal do que salientou “a súa alta capacidade de traballo”. Así, neste novo mandato, continuarán como vicedecanas e vicedecanos Eulalia Agrelo (Relacións Institucionais), Begoña Paz (Prácticum e TFG), Uxío Pérez (Organización Académica e Infraestruturas) e Ezequiel Rey (Calidade), e Vicente Romo, como secretario académico.

Cambios nas titulacións e necesidade de “novos espazos”

Na súa intervención na Xunta de Facultade, o candidato a reelección sinalou como “obxectivo principal” deste mandato contribuír a que o centro sexa “un espazo de liberdade no que cada membro da comunidade universitaria poida atopar o seu sitio e desenvolver o seu labor da mellor maneira posible”. Non en van, subliñou, “o esplendor que teña a nosa facultade vai ser o que lle outorguen as persoas que cohabitamos aquí”.

Mais isto, engadiu, “non significa que non teñamos retos nos seguintes anos”, como a modificación das normas ECI, que regulan o acceso á profesión docente, na que traballa o Ministerio de Educación. Unha cuestión, sinalou, que “está enriba da mesa e na que necesitamos decidir con sensatez cal vai ser a nosa posición”, xa que implicaría á súa vez cambios nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Outro dos obxecitvos será acadar a posta en marcha dun Máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, conxunto coa Universidade da Coruña, despois de que o Consello de Goberno da UVigo aprobase recentemente a súa declaración de interese, co obxectivo de lograr a súa implantación no curso 2025/2026. “Sería algo moi importante e que poríanos no mapa”, destaca García, que incide en que “dez comunidades autónomas teñen regulada a profesión de preparador físico e readaptador”, fixando que deben exercela titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte “e a ser posible, especialistas”. Non obstante, engadiu, “ningunha outra universidade ten un máster con estas figuras, polo que seríamos punta de lanza no sistema universitario español”. 

Outro dos retos desta etapa “é que necesitamos seguir dotándonos de espazos”, engadiu García, que lembrou que a facultade conta “con preto de 1500 alumnos, afortunadamente, e estamos carentes de sitios”. Neste punto, recoñeceu que “é certo que melloramos”, coa posta en marcha do laboratorio de kinesioloxía e acondicionamento físico, recentemente inaugurado, ao que sumará en breve outro de innovación educativa. Mais, subliñou, a ampliación do centro "é unha prioridade", á que se suman outros obxectivos como “transferir o que facemos á sociedade, compromiso que adquirimos no noso programa estratéxico” ou o “reto de situar definitivamente á facultade” entre os centros de referencia “de toda España”.