DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado este venres en Pontevedra

Óscar Vicente e Estefanía Domínguez, ouro e prata no CEU de Tríatlon

Os dous deportistas da Universidade sitúan á institución ao máis alto nivel na disciplina

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
M. Del Río DUVI 24/06/2011

Partían como favoritos e demostraron que merecían esa confianza. Os triatletas da Universidade de Vigo, Óscar Vicente e Estefanía Domínguez, acadaron cadansúa medalla de ouro e de prata, respectivamente, no Campionato de España Universitario celebrado este venres na cidade de Pontevedra.

Baixo un intenso sol de verán que elevou as temperaturas por riba do normal na cidade do Lérez, os 169 triatletas (110 homes e 59 mulleres) das 43 universidades españolas participantes déronse cita na competición nacional que, nesta edición, se desputa coincidindo co Campionato Europeo de Triatlón absoluto.

Óscar Vicente amosou o seu potencia cun tempo de 0:58:48 que lle valeu o ouro e compartiu o podio co representante da Politécnica de Madrid, Ricardo Hernández, en segundo posto, sete segundos por detrás; o bronce foi para o deportista de A Coruña, Brais Canosa, outro dos favoritos, que fixo 35 segundo máis que o triatleta da Universidade de Vigo.

Por dez segundos, Estefanía Domínguez foi segunda, cun tempo de 1:08:49, por detrás da atleta da Universidade Complutense de Madrid, Tamara Gómez, que marcou un 1:08:39. Terceira foi Carolina Routier, con 1:09:49. A outra representante da Universidade de Vigo, Alba Cuba, rematou a proba no posto número 20, mentres que Andrea Vázquez e Estefanía Sande abandonaron a carreira.

Unha intensa tarde de deporte

A competición botou a andar ás 15:30 horas na Ponte dos Tirantes coa proba de natación feminina, seguida da proba masculina ás 16.00 horas. O segmento de natación, de 750 metros de distancia a realizar nunha soa volta, desenvolveuse no río Lérez, ao seu paso pola Xunqueira do Cobo. Unha vez en terra, os atletas cambiaron bañador por bicicleta para facer un percorrido total de 20 quilómetros, distribuído en 4 voltas de 5 km. A última das probas, a carreira a pé, constou de 5 quilómetros de lonxitude e 2 voltas, transcorrendo entre o centro da cidade e a zona vella.

Con todo, a Universidade viguesa non puido facerse co ouro na clasificación por equipos ao non competir co mínimo de deportitas requerido para puntuar nesta modalidade e cedeu o posto máis alto do podio á Universidade de A Coruña. Por detrás dos galegos, a Universidade de Valencia foi segunda e a do País Vasco, terceira.

Na entrega de premios, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, á que asistiu o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores e a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra, Ana Belén Fernández Souto, os deportistas recolleron as súas medalles e trofeos que, de seguro, ocuparan un lugar moi especial nas vitrinas de honra das súas universidades.