DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escultor ourensán doa á Universidade unha peza sobre este escritor e amigo seu

Otero Pedrayo volve ao campus da man de Buciños

Despois de protagonizar unha mostra na Sala Alterarte

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/09/2013

Cada artista que expón a súa obra na Sala Alterarte remata doando á Universidade de Vigo unha das súas pezas. Durante os meses de xuño e xullo de 2013, o escultor Manolo Buciños ocupou os muros desta sala de arte contemporánea cunha selección de doce creacións da súa longa traxectoria baixo o título Alto!: reivindicamos a forma. Este luns, o creador entregou á Universidade de Vigo a súa achega aos fondos artísticos desta institución, unha escultura en bronce de Otero Pedrayo feita en 1999 como bosquexo da que está na actualidade, a maior tamaño, na Praza do Encontro da cidade de Vigo.

O artista fixo entrega da peza a María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, nun acto que contou tamén coa presenza de Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, e de María Victoria Carballo-Calero, catedrática da Universidade de Vigo e comisaria da exposición que Buciños realizou en Alterarte. “É unha gran satisfacción que pase a formar parte do noso patrimonio unha obra tan fermosa e dun artista desta categoría”, salientou María Lameiras durante a recepción da escultura, que pasa a estar situada na Vicerreitoría do campus.

Símbolo da cultura e da cidade

“É unha obra realista que fixen xa hai máis de dez anos pensando no Otero que eu coñecín, co que andaba e ao que acompañaba ata a súa casa”, destacou Buciños sobre a escultura. A este Otero que el coñeceu, explicou, quixo representalo co sombreiro non na cabeza, senón contra o peito sostido por unha man, pois, apuntou, como o escritor era un persoeiro moi coñecido en Ourense sempre que paseaba polas rúas tiña que levar o sombreiro na man para saudar continuamente á xente que co el se paraba a falar. Feita en bronce, comentou o creador, a obra é unha peza única. Entre todas as obras que puido escoller para doar á Universidade de Vigo, dixo, escolleu esta polo seu simbolismo, porque, apuntou, ao igual que o campus, Otero Pedrayo “ten moito que ver coa cultura e coa nosa cidade”. “El estaría encantado de estar aquí”, recalcou.

Coa mostra da obra de Buciños en Alto!: reivindicamos a forma na Sala Alterarte e coa presenza a partir de agora desta peza no campus de Ourense, destacou Mª Victoria Carballo Calero, “demóstrase que a figuración, o realismo pode ser unha práctica moderna, na que cada artista recrea ao seu xeito a peza”. Salientando que a obra doada foi elixida polo propio Buciños, a catedrática ourensá destacou todo o simbolismo que ten o feito de que sexa a figura de Otero Pedrayo, “todo un símbolo para Ourense”, o protagonista da obra que agora xa pertence á Universidade de Vigo. Tanto a comisaria da exposición como María Lameiras e Xosé Manuel Buxán coincidiron en destacar o privilexio que supuño para a sala universitaria acoller a mostra de Buciños durante o pasado verán, mostra que formou parte do proxecto Estado Crítico 2, unha iniciativa na que docentes da Universidade de Vigo comisarian mostras de artistas emerxentes ou consolidados.