DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita estará vinculada ao proxecto de especialización do Campus da Auga

Ourense acollerá en abril o II Congreso Euroamericano de Dereito e Política

Investigadores brasileiros e españois afondarán en temas relacionados coa sustentabilidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 08/01/2018

O campus de Ourense acollerá do 17 ao 19 de abril o II Congreso Euroamericano de Dereito e Política, organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo en co-organización co Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, en Brasil. Nesta segunda edición, a cita vincularase ao proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, centrando o seu interese no desenvolvemento sostible.

Este congreso, lembran os seus organizadores, naceu o pasado ano froito do contacto investigador entre persoal das dúas institucións académicas coa intención de “ampliar o diálogo sobre intereses comúns, promovendo a aproximación académica e científica e propiciando unha mellor comprensión do contexto social en realidades de orixes estruturais conexos”. O comité organizador está formado por parte da Universidade de Vigo por Guillermo Suárez, catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados; Antón Lois Fernández, profesor doutor da Área de Ciencia Política e da Administración, e Clara Isabel Fernández, profesora doutora da Facultade de Ciencias da Educación. Por parte da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense participan neste comité Edson Alvisi Neves, catedrático; Gilvan Luiz Hansen, profesor titular, e Marcella da Costa Moreira, bolseira de predoutoramento. A iniciativa enmárcase na relación que une ás dúas universidades, sendo convidado en outubro Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, a realizar unha visita á institución académica brasileira na que, entre outros temas, se abordou a celebración deste congreso.

Desenvolvemento económico respectuoso coa contorna

O II Congreso Euroamericano de Dereito e Política, que leva por título Institucións político-xurídicas e desenvolvemento sostible, volverá a reunir a persoal docente e investigador dun e doutro lado do Atlántico coa idea de realizar unha análise crítica sobre algunhas das grandes problemáticas que afrontan os estados e o dereito na actualidade. “Nesta segunda edición o evento estará enfocado no estudo e análise das institucións xurídicas e políticas dos continentes americano e europeo na súa interacción co desenvolvemento sostible. Trátase, en definitiva, de examinar o impacto das políticas, públicas ou privadas, e das creacións xurídicas no seu intento por avanzar na consolidación dun desenvolvemento económico que sexa perfectamente compatible co uso respectuoso e adecuado dos recursos naturais”, sinalan desde o comité organizador do congreso.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas, lembran os organizadores da cita, marcou unha Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible na que se establecen 17 obxectivos de aplicación universal e na que se insta a todos os países a adoptar medidas para promover a prosperidade á vez que se protexe o planeta. “O II Congreso Euroamericano de Dereito e Política pretende ser un campo de análise e de diálogo sobre cuestións que relacionen a actuación dos poderes públicos e das institucións xurídico-políticas en xeral co cumprimento e o traballo en favor destes obxectivos”, indican os responsables do evento que se celebrará en Ourense.

En consonancia co Campus da Auga

Dentro deste contexto, comentan desde a organización do congreso, o campus de Ourense “é un campus líder en temáticas relacionadas coa auga, con capacidade para expandir a súa plataforma de investigación e innovación, todo iso en relación directa e inmediata co obxectivo da sustentabilidade”. Polo tanto, sinalan, a celebración deste congreso no Campus da Auga “aumenta a potencialidade, as sinerxías, os recursos e os resultados que poidan derivarse do traballo conxunto dos investigadores participantes neste encontro científico”. Deste xeito, o congreso inclúe entre os seus obxectivos “aproveitar a estrutura académica e investigadora do Campus da Auga para promocionar os estudos sobre este elemento indispensable no desenvolvemento sustentable e potenciar a singularidade do Campus da Auga en todos os centros académicos con representación no evento”. Desde a organización agardan que esta segunda edición consolide a boa acollida que tivo na súa anterior edición, que contou coa participación de arredor dun centenar de investigadores e docentes brasileiros e españois.