DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense afonda nos camiños de ida e volta da emigración

Xosé Ramón Campos foi o relator inaugural das "Xornadas sobre emigración, inmigración e retorno"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 02/10/2009
“Ofrecer un panorama xeral sobre a emigración galega e outros aspectos relacionados como é o retorno ao país de orixe ou a inmigración”, explicou o profesor Xosé Ramón Campos, é un dos obxectivos das xornadas que hoxe deron comezo no Edificio Xurídico-Empresarial. Organizadas polas facultades de Historia e Dereito, as Xornadas sobre emigración, inmigración e retorno afondarán ata mañá sábado nestes aspectos, “sempre dende un punto de vista histórico e analizando as repercusión e problemáticas que teñen dentro da sociedade galega”.
A vicedecana de Historia, Elena De Uña, amosou a súa satisfacción pola celebración destas xornadas, xa que “son froito da colaboración entre dúas facultades e eu son firmemente defensora da integración e da multidisciplinariedade no estudo dos temas que imos tratar”. De Uña tamén sinalou que este seminario “é un marco de aprendizaxe que non só complementa, senón que fundamenta as disciplinas que compoñen o currículo dos vosos estudos”.
Pola súa parte, o vicedecano de Dereito, Roberto Bustillo, manifestou o seu acordo con De Uña, “as nosas facultades teñen moitas cousas en común, o dereito é unha ferramenta que sirve para resolver problemas, pero é unha ferramenta que xorde sempre no contexto histórico”. Na súa opinión, “canto maior sexa a colaboración entre os dous centros mellor, porque se non se coñece o contexto histórico non se pode comprender a norma”.
Por último, Iván Quintana, licenciado en Dereito e coordinador das xornadas xunto a Campos, afirmou que “intentaremos que non sexan só teóricas senón tamén lúdicas: teremos varias proxeccións de vídeos, testemuñas de emigrantes que conten a súa experiencia e unha viaxe a Ribadavia”. O seu desexo é “que sexan unhas xornadas interactivas, que participedes coas vosas achegas e preguntas, para que isto sexa unha aprendizaxe polas dúas bandas”.

A emigración en Venezuela

Venezuela foi un país tardío no tocante a receptor de emigración masiva. Dende 1880 Arxentina e Cuba serán os que reciban o groso da emigración galega cara América e “non será ata a década dos anos 50 do século XX cando Venezuela se converta nun país receptor de xeito importante da emigración europea”, comezou explicando Xosé Ramón Campos durante o relatorio inaugural das xornadas.
Esta situación foi producida pola inestabilidade política que vivía o país e pola súa economía de carácter agropecuario, “que facían que Venezuela non fose un país atractivo para a emigración”. A pesar de que dende mediados do XIX houbo intentos por establecer colonias agrícolas con inmigrantes europeos, “estas experiencias fracasaron”.
En 1945, coa Xunta Revolucionaria de Goberno de Rómulo Betancourt cambia a política, “tratan de impulsar a emigración e recoñécese o goberno republicano español no exilio, dando preferencia á entrada no país de exiliados”. Isto será moi importante dentro da presenza galega en Venezuela, “porque cando chega a emigración económica na década dos anos 50, xa atoparán dous centros galegos instalados en Caracas creados polos exiliados.”.
Posteriormente, na ditadura que viviu o país entre 1948 e 1958 baixo o mandato de Marcos Pérez Jiménez, “poténciase a emigración de tipo económico e só se piden como requisitos ter menos de 35 anos, non ter antecedentes penais e ter un certificado de boa saúde”. Será nesta etapa cando cheguen a maior parte dos europeos, “principalmente españois, seguidos dos italianos e, en menor número, dos portugueses”. Entre os anos 1953 e 1958 “entrarán a metade de todos os españois que chegaron a Venezuela, uns 150.000, dos cales un terzo eran galegos”. A maioría instaláronse en Caracas, “empregados na construción, no servizo doméstico, comercio ao pormenor e nos transportes públicos; son emigrantes despolitizados e cuns obxectivos económicos moi claros”. Para algúns historiados venezolanos, esta emigración masiva non foi todo o positiva que se houbera desexado, porque os emigrantes non se van dedicar á agricultura nin van a establecer industrias, xa que a estrutura económica do país favorecía a actividade comercial e “aí é onde se van inserir moitos dos galegos que chegaron a Venezuela”.

Última xornada

A sesión do sábado centrarase nas repercusións económicas do proceso migratorio en Galicia e na inmigración dende o punto de vista da integración e a educación, para rematar a mañá, falarase da recepción de menores estranxeiros non acompañados.
Xa pola tarde dous relatorios pecharán a parte académica das xornadas; o primeiro deles afondará na emigración galega cara a México e o segundo centrarase na inmigración e o retorno ao país de orixe.
Como punto final ás xornadas, os participantes serán trasladados ata Ribadavia, onde realizarán unha visita guiada acompañados polo presidente da asociación de Amigos do Museo.