DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do Congreso provincial de Medio Ambiente, do 4 ao 8 de abril

Ourense avaliará os seus retos e potencialidades no eido ambiental

A iniciativa enmárcase dentro do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 16/03/2011
A preocupación polo medio ambiente é unha cuestión moi presente na sociedade, pois abrangue dun xeito moi transversal a calidade de vida das persoas. No caso de Ourense, esta preocupación cristalízase na celebración dunha cita anual na que abordar e debater algúns dos problemas e oportunidades ambientais que ten a provincia neste ámbito. Trátase do Curso de Saúde Ambiental-Congreso Provincial de Medio Ambiente, que este ano celebra a súa 47 edición analizando cuestións como o termalismo, a enoloxía, o patrimonio, o turismo e a enerxía.

O congreso, que se celebra do 4 ao 8 de abril, está coordinado polo profesor Francisco Peña e promovido pola Deputación Provincial e o campus de Ourense. Durante o acto de presentación este mércores, María Lameiras, vicerreitora do campus, salientou que “o medio ambiente é unha responsabilidade común, compartida por todos, pois temos o reto de deixarlle un mundo mellor ás novas xeracións”. Neste aspecto, Lameiras fixo fincapé na importancia transversal desta cuestión, que afecta a aspectos científicos, educativos, empresariais, etc., e no protagonismo que ten no campus ourensán, no que se estreou o grao de Ciencias Ambientais este curso.

Pola súa banda, o José Luis Baltar, presidente da Deputación, agradeceu o apoio e colaboración da Universidade de Vigo na organización deste congreso e defendeu o reto de “cambiar a xestión medioambiental”. Baltar incidiu en que estamos nun proceso de responsabilidades compartidas que vai de abaixo a arriba, que empeza polo cidadán a título individual para ir pasando aos ámbitos colectivos, como concellos, provincias e administracións superiores. Neste senso queixo salientar que na Deputación “o servizo de medio ambiente é hoxe o máis importante, tanto en número de traballadores como en actividade”, poñendo como exemplos os traballos de recollida e selección de residuos sólidos urbanos e o tratamento do ciclo completo da auga.

Solucións e avances

Segundo salientou o coordinador do congreso, o encontro “quere establecer un foro de debate e estudo da situación ambiental da provincia de Ourense, dos problemas e carencias que se consideran máis importantes, así como das posibles solucións que se deberán adoptar; ademais de permitir a cooperación e o diálogo entre todos os axentes sociais implicados no tema, fomentando a creación de núcleos de sostibilidade”.

O congreso presentado este mércores enmárcase dentro do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, que ten tras de si 47 edicións e que pasou xa por 244 concellos, con 4433 participantes dos que 870 foron da provincia de Ourense. Co foro que se celebrará en abril os organizadores pretenden continuar avanzando no desenvolvemento sostible da provincia, mellorar a xestión nos aspectos ambientais dos concellos e con elo a vida urbana dos cidadáns, recoñecendo ao medio ambiente como un elemento capaz de producir emprego, renda, saúde e benestar.