DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza a Mostra Internacional de Teatro Universitario

Ourense dá a benvida á MITEU máis internacional

24 grupos de 7 países participarán na edición deste ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 01/04/2011
Guiados por un zancudo, a ritmo de charanga e seguidos por moitos ourensáns, o Grupo Rosaura da Aula de Teatro Universitario de Ourense revolucionou este venres o centro de Ourense e deu o pistoletazo de saía á Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense MITEU. Do 1 ao 15 de abril os escenarios da cidade ábrense para acoller os espectáculos das mellores compañías de teatro universitario e de grupos profesionais, todo isto acompañado dunha ampla programación cultural e de ocio. Haberá teatro, pero tamén cine, exposicións, formación, cafés, accións de rúa e moito máis. En contra da crise, levántanse o pano da MITEU máis diversa en actividades e máis internacional.

Durante a presentación desta 16 edición da MITEU, o seu director, Fernando Dacosta, salientaba a importancia desta cita “como foco cultural de referencia teatral” e puña en cifras a gran festa da cultura que será a mostra. “Teremos 24 grupos de teatro, 9 deles estranxeiros procedentes de 7 países, 3 documentais, un concerto, dúas exposicións, unha charla, accións de rúa e moito máis” destacaba Dacosta. Os escenarios das actividades serán, de xeito destacado, o auditorio, o teatro principal e o campus de Ourense.

Moito que ver e facer

A programación arranca hoxe venres coa representación das obras O teatro... Onde?, do Grupo Rosaura da Aula de Teatro Universitario de Ourense; Non hai dous sen tres, do grupo francés Les Triples Croches, e cunha intervención de danza de diferentes grupos. A partir desta data sucederanse actuacións de grupos das tres universidades galegas e de Madrid, Navarra, Zaragoza, Italia, Portugal e Marrocos.

O teatro profesional estará representado polas compañías galegas Teatro de Adro, Elefante Elegante, polos andaluces Ymedioteatro e polos internacionais Le Triples Croches (Francia), Wollny (Alemaña), DNA Works (EEUU) e Soltis Lajos Színhaz (Hungría). Entre as intervencións internacionais destaca a de Leo Bassi, que o día 4 traerá ao Auditorio a obra Utopía. Os prezos, entre 2 e 5 euros dependendo do colectivo ao que se pertenza.

Parte das representacións da MITEU terán como escenario a sala multiusos do Edificio de Ferro do campus. O día 2 representarase nela La dama del Alba, un espectáculo da Aula de Teatro da Universidad Juan Carlos III. O día 9 será a quenda do teatro internacional, co espectáculo Passagem de nível, da compañía Palco Pief (Portugal). As sesións no campus rematarán o día 10 con Onde está o meu clown?, un espectáculo a cargo do alumnado do curso homónimo que se celebra na MITEU.

Ademais das funcións de teatro e proxeccións de películas, a MITEU contará cun amplo programa de actividades paralelas. Deste xeito, o teatro principal acollerá unha exposición fotográfica de Alba Vázquez sobre a anterior edición da Mostra, o auditorio fará o propio cunha exposición de Jorge Martínez e todas as noites, tras as funcións, o Café Auriense será o punto de encontro de público e actores. Para os que ademais de ollar e gozar queiran participar, a MITEU organiza este ano un curso de Clown.