DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración da IV edición das Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia

Ourense, capital galega do medio ambiente

Expertos na materia daranse cita do 19 ao 23 de outubro na Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 30/09/2010

Ourense converterase por cuarto ano consecutivo na capital galega do medio ambiente ao acoller a IV edición das Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia, que terán lugar entre o 18 e o 22 de outubro na Facultade de Ciencias.

Segundo comentou a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, durante a presentación das xornadas este xoves na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, “trátase dunha actividade que se está consolidando coa celebración da súa cuarta edición e que cumpre un importante labor formativo no eido medio ambiental e no coidado da natureza, uns obxectivos que tamén perseguimos dende o ámbito universitario” apuntou a vicerreitora. Para exemplificar o compromiso do campus co medio ambiente, Lameiras fixo referencia ás titulacións relacionadas con este eido impartidas en Ourense como o grao en Ciencias Ambientais e o Máster en Dereito Urbanístico e de Medio Ambiente, e tamén lembrou a construción do parque medioambiental “que constituirá un espazo de lecer que beneficiará tanto á comunidade universitaria como á cidadanía” afirmou. Ademais, a vicerreitora do campus fixo fincapé na importancia da formación do alumnado universitario e especialmente da Facultade de Ciencias da Educación en materia ambiental posto que “a educación sostible é clave para manter, respectar e incluso mellorar a nosa contorna, polo que é importantísimo afondar na formación e a sensibilización do estudantado e tamén do persoal técnico que traballa neste eido” apuntou.

O obxectivo das sesións, organizadas pola Asociación Medioambiental e Universitaria SYME, a Vicerreitoría do campus de Ourense, a Consellería de Medio Rural e o Concello de Ourense, “é poñer de manifesto a importancia de protexer a nosa contorna e afondar nas problemáticas actuais que sufre o medio natural, ofrecendo ademais unha perspectiva legal e xurídica sobre o tema” sinalou José Antonio Pérez, presidente de SYME. Así mesmo, Pérez tamén incidiu na importancia de “vincular a formación destas xornadas coa impartida nas diferentes titulacións do campus de Ourense, para xerar unha canle de información transversal entre ambas que sexa de utilidade para os universitarios, técnicos e profesionais neste campo”.

Durante cinco días o medio ambiente centrará as xornadas nas que diversas personalidades políticas e expertos na materia ofrecerán diferentes perspectivas sobre o control e a xestión ambiental, a educación e o desenvolvemento sostible ou a lexislación aplicable neste eido centrada na protección do medio ambiente, entre outras temáticas.

Programación

Nesta cuarta edición, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, será o encargado de inaugurar as xornadas o luns 18 de outubro, que comezarán cunha sesión sobre a xestión ambiental municipal impartida polo concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Ourense, Demetrio Espinosa. Así mesmo, na primeira xornada tamén haberá un espazo dedicado aos espazos naturais protexidos no que intervirán o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Allariz, Bernardo Varela; o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández Díaz e un representante do Parque Nacional Peneda Gêres.

O control e xestión ambiental, o cambio climático e o tratamento da auga en Galicia centrarán os temas da segunda xornada, iniciada co relatorio do Sénior Managing Consultant de IBM, Arturo Gavilán, “unha intervención que será de especial interese para os enxeñeiros da Escola de Informática do campus, que nun futuro podería albergar unha materia relacionada co medio ambiente” apunta o presidente de SYME.

O mércores, a auga e o mar serán os protagonistas coas intervencións do investigador titular do CSIC, José Antonio Vázquez e o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández. Ademais, na terceira sesión tamén se abordarán temas como a educación ambiental da man do profesor de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, Pedro Membiela e do desenvolvemento sostible no medio rural e o rumbo do medio ambiente en Galicia, coa participación do director xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Manuel Borobio.

A cuarta xornada comezará cun relatorio sobre o turismo Ornitolóxico “unha novidade con respecto a outros anos e que tamén garda especial relación coas titulacións impartidas no campus” indica Pérez. O resto da sesión dedicarase ao dereito ambiental, un tema baixo o que diferentes poñentes falarán sobre a lexislación e a xurisdición penal e civil referente á protección do medio ambiente. Esta temática tamén se abordará na derradeira xornada, na que destaca a intervención de Antonio Vercher, fiscal de sala coordinador de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Supremo, tras a cal terá lugar a clausura do congreso.

Inscripción e matrícula

A inscrición nas Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia poderá realizarse ata o 15 de outubro na Secretaría do Decanato da Facultade de Ciencias. Para matricularse é preciso cubrir o boletín que inclúen os trípticos informativos, acompañado da fotocopia do DNI e o xustificante de pago xunto cunha fotocopia do impreso A0 no caso do alumnado da Universidade ou a fotocopia da tarxeta do INEM para os parados. O prezo da matrícula é de 20 euros para o público en xeral e diminuirá a 6 euros para alumnos da Universidade e persoas en paro e 5 para aqueles que sexan socios de SYME.

Ademais, a asistencia ás xornadas poderá convalidarse por dous créditos de libre elección ou un crédito ECTS e tamén será validable para oposicións da Consellería de Educación.