DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de intercambio do campus foi recibido este mércores no Concello

En Ourense, coma na casa

María Lameiras e Francisco Rodríguez animaron aos estudantes a gozar da cidade e da súa cultura

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/04/2012

Un dos principais obxectivos que perseguen as universidades e as cidades que acollen estudantes de intercambio doutros países é acadar que estes novos alumnos se sintan coma na súa propia casa. Así llo transmitiron este mércores María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade das Burgas, ao preto de trinta alumnos de intercambio que este cuadrimestre están nas aulas universitarias ourensás. Despois duns meses en Galicia, as impresións destes estudantes do sistema educativo español e da comunidade que os acolle parece confirmar o logro deste obxectivo, pois son, en xeral, impresións moi positivas.

“É moi importante que ademais do traballo nas aulas, coñezades as institucións, a cidade e a cultura do lugar que vos acolle e que durante a vosa estadía poidades gozar delas, pois é parte do voso enriquecemento como persoas”, destacou María Lameiras ao estudantes que este mércores se achegaron ao salón de plenos do Concello de Ourense. Na mesma liña, o alcalde da cidade fixo fincapé na “satisfacción e a honra” de recibir a estes alumnos de intercambio “nesta casa, o Concello, que é onde reside a soberanía democrática do pobo”. Francisco Rodríguez animounos a aproveitar o eido cultural, turístico e o ambiente da cidade, “pois hai tempo para todo, para estudar e tamén para divertirse”.

De Alemaña a Arxentina

Entre o público, escoitando ás autoridades, estaba un abano moi diverso de nacionalidades e inquedanzas co factor común de estar nunha cidade e nunha universidade que, segundo as súas impresións, os fai sentir “como se estivéramos na nosa propia casa”, tal e como salientou Laura Waltner. Despois de chegar ao campus de Ourense en agosto do ano pasado para estudar Turismo co programa Erasmus, esta universitaria alemá destacou “o ben que nos tratan todos, especialmente os docentes, que sempre están pendentes do alumnado de intercambio e de axudarnos a solucionar calquera problema que xurde”. Despois dalgunhas clases de galego, chega a entedelo aínda que non falalo, e quere destacar o bonita que é a cidade e a súa calidade de vida.

Aínda que doutro continente e doutra cultura totalmente diferente, a arxentina Andrea Martínez coincide con Laura Waltner na súa excelente valoración da experiencia. “Levo desde o 20 de xaneiro e non me quero ir de Ourense, vou intentar volver cando remate este curso”, advertiu. En terceiro curso de Educación Social, do eido educativo salienta “o nivel dos meus compañeiros de clase e dos docentes e o punto de vista crítico e reflexivo con que se analizan as cousas”. Tamén se viu sorprendida “pola grande oferta de actividades de ocio, deporte, cultura e formación complementaria” que ofrecen tanto o campus coma a cidade, da que salienta a súa comodidade e o feito de que, ao contrario que no seu país de orixe, non evidencia as diferenzas de clases por barrios.

Elas son dúas dos 25 estudantes foráneos que este cuadrimestre se incorporaron ao campus de Ourense e que se uniron aos 14 que permanecen do primeiro. En conxunto proceden de Brasil, Grecia, Arxentina, México, Italia, Alemaña, Polonia, Portugal, Romanía, República Checa, Lituania e Turquía e repártense en porcentaxes moi similares polos diferentes centros do campus. A todos eles, a Universidade de Vigo e o Concello ourensán desexáronlles que se sintan nesta cidade igual que coma na súa propia casa.