DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa actuación de compañías como Els Joglars ou La Cuadra

Ourense convértese no escenario do teatro internacional coa celebración do FITO

O Festival Internacional de Teatro de Ourense dará comezo o luns 27

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 24/10/2008
Ourense consolídase como referente galego do teatro cunha nova aposta por este xénero. O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) chega á cidade da man de compañías de recoñecido prestixio mundial que deleitarán á cidadanía cunha mostra de teatro contemporáneo. Desde o 27 de outubro e ata o 2 de novembro, un total de 12 representacións terán lugar en distintos espazos da cidade.
Ourense, moi comprometido co mundo das artes escénicas, apostou nesta ocasión por un festival con compañías de teatro profesionais e de sona internacional como son Odin Teatret, de Dinamarca, Els Joglars, de Cataluña ou La Cuadra, de Andalucía, entre outras. A idea de celebrar este festival xurdiu para paliar unha carencia que existía no programa teatral da cidade de obras e compañías deste corte. “Era oportuno e incluso necesario para a cidadanía ter un festival destas características”, comentou Fernando Dacosta, un dos organizadores do festival e director da Aula de Teatro Universitario. É debido a esta vocación internacional polo que non participan compañías teatrais de procedencia galega no festival, “xa que soen estar na programación regular dos distintos espazos de Ourense”, proseguiu Dacosta. Sen embargo, si hai unha presenza galega tanto nas xornadas de teatro, que terán lugar de xeito paralelo ao festival, como no curso de teatro que se vai impartir no campus.
Algunhas das obras que se atopan dentro da programación do festival son La cena de Els Joglars; Humortal de Encara Farem Salat; Hermanas de Focus, S.A. ou Neva de Teatro en el blanco. O custo dos espectáculos é de tres euros para as obras que se representen no campus e no Centro Cultural da Deputación de Ourense e de cinco euros para as representacións que se fagan no Auditorio e no Teatro Principal, agás no caso de Els Joglars, que custa 18 euros.
Para máis información sobre esta primeira edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense consultar a páxina oficial.

O festival no campus

Dúas son as obras teatrais que se representarán no campus. A primeira terá lugar o luns 27, ás 23.00 horas, no Edificio de Ferro. Las gallegas, que así se chama a obra, chega da man da compañía Lolita Corina de Cataluña e descubriranos unha peculiar visión dunha viaxe a través da morte. A segunda posta en escena titúlase Coas malas prontas, producida pola compañía Pe de Vento, chega desde Brasil para contar a historia de dúas mulleres que coinciden na sala de espera dun aeroporto. Nesta ocasión, o emprazamento para esta cita co teatro, é no pavillón 1 do campus, o día 31 ás 23.00 horas.
Para completar a oferta tamén se impartirá o curso Da acción física ao entrenamento, orientado a profesionais do teatro e aos alumnos da Aula de Teatro Universitario. O curso terá lugar na sala multiusos do Edificio de Ferro, os días 31 de outubro e 1 e 2 de novembro. O prezo de inscrición é de 15 euros e hai un límite de 20 prazas que se ocuparán por orde de matriculación. Máis información.

Colaboración da Universidade

O campus colabora de xeito habitual coas iniciativas de Sarabela Teatro, organizadora do FITO e nesta ocasión non ía ser menos. “A Universidade estivo disposta a colaborar desde o primeiro momento”, comenta Fernando Dacosta. “O campus é unha parte fundamental no patrocinio deste tipo de actividades”, continuou. Esta colaboración tradúcese en dúas representacións que terán lugar no campus e nun curso de teatro.
Esta relación da Universidade co mundo das artes escénicas, consolídase ano tras ano, coa Aula de Teatro Universitaria, que conta con tres niveis de ensino, o grupo Rosaura, para iniciados; o grupo Cordelia para os que completaron o anterior nivel ou teñen experiencia teatral e o grupo Maricastaña, dirixido aos que completaron o nivel dous. Ademais destes tres niveis, contan co grupo Gepetto adicado exclusivamente ao teatro infantil. Habitualmente a Aula de Teatro adoita acoller, entre todas as divisións, a un total de 50 alumnos. Os distintos grupos comezarán a traballar no mes de novembro pero haberá que agardar ata os meses de abril, maio e xuño para gozar das súas representacións.