DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de clausura fíxose entrega dos diplomas aos asistentes

Ourense despídese do Congreso Provincial de Medio Ambiente cunha lista de deberes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 08/04/2011

Loitar contra o cambio climático, as agresións aos recursos naturais e preservar a contorna son tarefas complexas, arduas e requiren da implicación clara e intensa de todos os parceiros posibles, dende as administracións ata os organismos non gubernamentais, a comunidade docente e a investigadora e toda a cidadanía en xeral. O Congreso Provincial de Medio Ambiente-Curso de Saúde Ambiental que hoxe remata é a ágora na que todos eles poden facer unha posta en común de intereses, propostas e liñas de actuación. Tras unha semana de intenso traballo hoxe baixouse o pano da cuadraxésima edición desta iniciativa, encadrada dentro do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, promovida pola Deputación Provincial en colaboración coa Universidade. O seu organizador, o profesor Francisco Peña, valora moi positivamente estes cinco días de traballo e debate para identificar “tanto as potencialidades ambientais como os erros e problema que hai que atallar”.

Dende o luns foron moitos os aspectos que expertos, políticos, xestores e estudantes trataron para marcar os retos e as potencialidades que a provincia ten no eido ambiental. Dende o “termalismo, o patrimonio natural, a enoloxía ou o turismo” como eidos a desenvolver para avanzar una xestión responsable da contorna, como apunta Peña, ata temas de xestión das administracións como o tratamento das augas residuais, os vertedoiros, os residuos urbanos ou un modelo enerxético sustentable.

“Trátase de optimizar recursos e esforzos, ofrecemos con este congreso un servizo público” engade o director que ofrece un balance moi positivo desta edición, tanto pola participación como pola intensidade participativa dos máis de 130 congresistas. Con todo, tratándose dun foro desta envergadura, Peña agarda poder contar con máis implicación en vindeiras edicións tanto de concellos como do recentemente estreado Grao en Ciencias Ambientais para consolidarse como un referente no almanaque da provincia no tocante ao desenvolvemento sostible e saúde ambiental.

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, xunto con representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Consellería de Medio Rural, Sogama, Aquagest, Iberdrola e Novacaixagalicia, fixeron entrega aos asistentes ao curso do diploma acreditativo no acto de clausura dun evento que, con esta, se celebrou xa tres veces na capital ourensana.

A Universidade, implicada

Ademais se promover este encontro xunto coa Deputación, a Universidade, como xeradora de coñecemento, achegou varias visións sobre diversos temas relacionados tanto coa investigación, a xestión e a educación ambiental e da saúde. Entre outros expertos, o exprofesor e 1ª medalla de ouro da Facultade de Ciencias, Luis Rodríguez Míguez e o profesor e coordinador do Máster de Dirección e Planificación do Turismo, José Antonio Fraiz, afondaron nunha mesa redonda sobre as potencialidades tanto económicas como saudables do termalismo. O catedrático de Enxeñaría Química e ex reitor da Universidade, Luis Espada, pola súa banda, presidiu a sesión plenaria sobre o modelo enerxético sustentable e cambio climático mentres que na sesión dedicada á xestión de augas participaron o catedrático de Química Física, Juan Carlos Mejuto e o profesor Francisco Alonso. Neste derradeira xornada, centrada na contribución das empresas, os centros educativos e as entidades locais ao desenvolvemento sostible, a Universidade tivo un papel central. A Facultade de Ciencias presentou o novo Grao en Ciencias Ambientais que o campus estrea neste curso cunha moi boa acollida con todas as prazas cubertas nos primeiros prazos de matrícula. Ademais, Pedro Membiela, profesor na Facultade de Ciencias de Ciencias da Educación achegou a perspectiva docente pero centrada na necesidade de educar en valores ambientais dende a escola.