DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores das universidades de Perm, Maryland, Valladolid e Vigo danse cita esta semana no camp

Ourense lidera a colaboración internacional nun proxecto ruso sobre os intanxibles económicos

O seu obxectivo é avanzar na xestión do capital inmaterial das organizacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/09/2014

A actividade dunha empresa ou organización está baseada na xestión dos seus bens, dos seus dereitos, dos seus recursos financeiros, da súa previsión de gastos e tamén de moitas outras cousas que non entran habitualmente no balance dunha entidade pero que son chave no seu éxito ou fracaso. Trátase dos intanxibles económicos e empresariais, entre os que se atopan a capacidade do seu capital humano, a súa rede de relacións, o seu sistema de organización, a súa imaxe de marca ou as súas patentes. Investigadores do campus de Ourense lideran a participación internacional nun proxecto de investigación ruso centrado na análise do impacto destes elementos inmateriais nas finanzas. Socios desta iniciativa procedentes das universidades de Perm, en Rusia; Maryland, en Estados Unidos; Valladolid e Vigo reúnense esta semana na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá para avanzar no coñecemento desta área.

“Esta iniciativa está liderada polo grupo de investigación, que dá nome ao proxecto, ID Lab (Intangible-driven Economy Laboratory), do Higher School of Economics, da cidade rusa de Perm. Somos catro os profesores internacionais que participamos nela, concretamente Félix López-Iturriaga, da Universidade de Valladolid; Dennis Coates, da University of Maryland, e Carlos Fernández-Jardón e eu mesmo, do Grupo EF5 Empresa Internacional da Universidade de Vigo”, explica Ángel Barajas, coordinador da participación foránea no proxecto. Trátase, explican os seus membros, dunha acción financiada polo goberno ruso que terá tres anos de duración e que comezou a súa actividade este mesmo ano.

En concreto, adianta Ángel Barajas, a iniciativa ten como obxectivo principal afondar en tres liñas de investigación, como son a influencia e efectos dos intanxibles nas finanzas corporativas; os intanxibles nas pequenas e medianas empresas e os intanxibles no caso concreto da economía deportiva, onde o equipo do campus de Ourense conta cunha dilatada traxectoria académica e investigadora. “En xuño tivemos unha primeira reunión do proxecto en Perm, que nos permitiu coñecérmonos en persoa todos os membros e comezar a desenvolver as diferentes liñas de acción. E agora en Ourense continuamos o traballo coa celebración dun seminario de tres días de duración e no que contamos coa participación de seis docentes rusos, un de Estados Unidos e outro de Valladolid, ademais dos representantes da Universidade de Vigo”, comenta Barajas.

Os beneficios da colaboración internacional

Liderando esa participación rusa está Elena Shakina, responsable do Departamento de Finanzas do Higher School of Economics. “Para a nosa universidade é moi importante o desenvolvemento internacional a través de proxectos como este, no que compartimos traballo con socios de varios países. Agardamos que sexa unha experiencia beneficiosa e produtiva para todos os participantes”, comenta a investigadora rusa, que actualmente está facendo a súa tese de doutoramento europeo no eido dos intanxibles económicos baixo a dirección do propio Ángel Barajas. Entre os aspectos positivos deste tipo de cooperación internacional, Shakina apunta o enriquecemento que supón o feito de ter formacións diversas aínda que todos traballen no eido económico. “Os investigadores rusos, por exemplo, vamos por detrás dos occidentais en canto a formación en humanidades e ciencias sociais pero en cambio temos unha moi boa formación en matemáticas”, explica.

Aproveitando esta diversidade, no seminario que se celebra os días 3, 4 e 5 de setembro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, cada un dos participantes e membros do proxecto expón a súa liña de traballo co obxectivo de que que os demais membros a coñezan e poidan facer contribucións desde as súas diferentes formacións, coñecementos e perspectivas. Entre os temas abordados estes días están o papel do director na xestión do capital intelectual, o efecto da crise económica nos intanxibles na empresa ou a relación entre intanxibles e produción. Tamén se está a facer unha análise do estado da cuestión neste eido e afondando en temas metodolóxicos como as claves para valorar o impacto das publicacións ou para a selección dun tema de investigación. Por último, no seminario tratan temas de xestión deportiva, como a rendibilidade do sistema de cotas no baloncesto español ou a asistencia aos partido de fútbol.

No marco deste proxecto, apuntan os seus membros, estase ademais traballando na análise dunha base de datos que xa teñen realizado sobre 1600 empresas de toda Europa, con información dispoñible desde o ano 2004 sobre a súa xestión dos intanxibles, botando man de todo tipo de fontes de información, desde as páxinas web institucionais ata informes de diferentes aspectos. Do proxecto, comentan, xurdirán publicacións específicas nas que se analizarán as diferentes liñas abordadas ao longo do proxecto durante os seus tres anos de duración. “Alén do traballo investigador neste eido e das publicacións que poidan xurdir, o importante é establecer contacto con outras universidades e grupos que poidan logo dar pé a novos proxectos que nos permitan seguir desenvolvendo a faciana internacional do noso traballo”, recalca Ángel Barajas.

Despois da súa estadía en Ourense os participantes desprazaranse a Madrid para posteriormente continuar traballando na Universidade de Valladolid. “O grupo de investigadores que participamos no proxecto é amplo e hai diferentes subequipos para cada tema que abordamos, o que nos permite moita interacción e un grande enriquecemento. A colaboración é moi frutífera porque a pesar do que se puidera pensar a priori investigadores de Rusia, Maryland, Ourense e Valladolid temos, dentro das nosas diferenzas, moito en común na nosa forma de pensar”, sinala por último Félix López-Iturriaga.