DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebrou este luns unha Xornada de Acollida para alumnado de Bacharelato

Ourense... unha opción a ter en conta para continuar estudando

Os responsables dos centros presentáronlles as súas titulacións e instalacións

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 04/03/2013

En calquera aspecto da vida para elixir a mellor opción é fundamental deterse a valorar cada unha das alternativas posibles. Para que o alumnado de Bacharelato que o vindeiro curso se incorporará á universidade, o campus de Ourense celebrou este luns unha Xornada de Acollida. Arredor de 150 persoas, principalmente estudantes acompañados de docentes e orientadores, puideron coñecer in situ que estudos, servizos e instalacións lles ofrece a Universidade de Vigo na cidade das Burgas. O campus de Ourense tamén quere estar na quiniela destes estudantes cando chegue o momento de elixir e para conseguilo nada mellor que deixarlles por un día formar parte da súa comunidade universitaria.

Os estudantes que participaron, acompañados por docentes e orientadores, procedían do Colexio Carmelitas de Ourense e do IES Nº1 do Carballiño e en ambos casos cursaban segundo curso de Bacharelato. “É unha oportunidade moi interesante para os estudantes poder coñecer en persoa o campus e ver as oportunidades que lles brinda. Ter toda a información posible poderá axudarlles a elixir que estudar e onde facelo”, destacou durante a xornada Manuel Amil, director do IES Nº1 do Carballiño.

Entre as case corenta persoas que asistiron deste centro ourensán estiveron as estudantes Jessica Nogueira e Lorena Martínez, que sen aínda ter decidido que titulación estudar non saben porque universidade se decantarán, motivo polo cal acudiron a esta Xornada de Acollida con moito interese. “A ver se nos axudan a aclararnos. Aínda non sabemos moi ben que facer e calquera información que nos dean é benvida”, apuntou Lorena Martínez. “Nun primeiro momento sempre pensas en aproveitar que vas a estudar unha carreira para irte a vivir fóra pero o que realmente importa é que na universidade que elixamos poidamos aprender ben”, engadiu Jessica Nogueira.

O próximo encontro, xa como universitarios

“Agardamos que esta visita sexa de moito proveito para todos e todas e pronto poidamos volver a vernos pero sendo xa vos alumnos desta Universidade”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a benvida aos participantes. Con este obxectivo en mente a cada asistente se lle ofreceu unha carpeta con información de utilidade da Universidade de Vigo e celebráronse dúas sesións. Na primeira delas, os participantes coñeceron de man dos seus responsables os servizos cos que conta a comunidade universitaria ourensá, como son a Biblioteca, as actividades culturais e deportivas, a Oficina de Voluntariado ou servizos á comunidade universitaria. De seguido, os responsables dos centros presentaron os estudos que se impartes nas facultades e escolas que hai no campus de Ourense, que son as facultades de Ciencias, Ciencias da Educación, Historia, Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo; a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola Universitaria de Enfermaría. Por último, as persoas interesadas puideron realizar unha visita guiada aos centros universitarios que lles interesaban especificamente.