DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As votacións serán o día 30 de setembro

Ourense e Pontevedra renovarán os seus Consellos de Campus

Poden presentarse como candidatos estudantes e docentes claustrais

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 10/09/2014

Os Consellos de Campus son os órganos colexiados de representación e de coordinación de cada campus, dos que forman parte o reitor, o vicerreitor correspondente, todos os decanos e directores dos centros e unha presentación de docentes, estudantes e persoal de administración e servizos. O curso académico 2014/2015 comezará para os Consello de Campus de Ourense e Pontevedra coa renovación dos seus membros. A convocatoria de eleccións destes órganos comezou este mércores coa publicación dos respectivos censos.

En cada campus, destas votacións sairán elixidos cinco docentes e cinco estudantes, entre os que haberá cando menos unha representación por cada ámbito científico, no caso de que haxa candidaturas. Os candidatos que se presenten deberán ser claustrais, sendo votados en cada caso polos membros claustrais dos seus respectivos sectores e campus. No caso dos docentes, cando menos unha das persoas elixidas non pertencerá ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade.

Os novos membros serán elixidos por un período de catro anos, agás no sector de estudantes, que o serán por dous. O prazo de presentación de candidaturas está aberto do 16 ao 18 de setembro e a votación será o día 30 de setembro, de 10.00 a 13.00 horas. No campus de Ourense terá lugar no salón de graos do Edificio de Ferro e no campus de Pontevedra na sala de xuntas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O día 7 de outubro terá lugar a proclamación definitiva de resultados.

Os representantes do PAS neste novo Consello serán as dúas persoas deste colectivo que obtiveron máis votos nos respectivos campus nas eleccións ao Claustro. Por último, o secretario será nomeado pola presidencia, que corresponde ao reitor, entre os membro do Consello con dedicación a tempo completo.