DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o día 25 no Teatro Principal sucederanse concertos, relatorios e mesas redondas

Ourense redescobre a José Ángel Valente, o seu poeta máis universal

Nun congreso no que os sons irán da man das palabras

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 23/09/2009

Con motivo da conmemoración do seu 80 aniversario e durante tres días, o Teatro Principal será testemuña dunha homenaxe á vida e obra do poeta ourensán José Ángel Valente. Este mércores deron comezo estas xornadas que a través de recitais poéticos, concertos, conferencias e mesas redondas difundirán o recordo do poeta baixo o título José Ángel Valente, memoria sonora.
O acto inaugural desta homenaxe, celebrado hoxe, contou coa presenza dos representantes das distintas institucións colaboradoras, José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial; Francisco Rodríguez, alcalde da cidade; Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén estiveron presentes no evento as coordinadoras das xornadas, Olga Mojón e Raquel Rivera, e a viúva do poeta, Coral Valente. Esta última manifestou sentirse “moi satisfeita cando se fai unha homenaxe a José Ángel, xa que se reaviva a súa memoria e, nesta ocasión, estou dobremente satisfeita porque se fai na súa cidade natal”.
Institucións de diversa índole uníronse nesta ocasión para lembrar a Valente, “todos coñecemos ao poeta e todos queremos participar nesta homenaxe”, dixo Mojón. En palabras de Baltar, con estas xornadas “saldamos unha débeda que a cidade tiña co máis importante escritor que ten dado o noso Ourense na súa historia e que, sen embargo, é un gran descoñecido fora dos círculos especializados”. Pola súa banda, o alcalde comentou que “unidos por riba de calquera diferenza aprestámonos a honrar ao noso poeta nun espazo de liberdade, tolerancia e diversidade da cultura”. Para Rodríguez, “Valente é unha voz de referencia das máis intensas do século XX, cunha obra fascinante e, con el, Ourense confirma o privilexio de ser unha cidade elixida”.
Por parte da Universidade, Gálvez afirmou que “dende o primeiro momento sumámonos a esta iniciativa e todos colaboramos na medida das nosas posibilidades neste acto de honra”. Na súa opinión, “esta é unha homenaxe, pero tamén un encontro de investigadores e de transmisión de coñecemento”. O director da Cátedra Valente da USC tamén incidiu neste punto, “é importante que investigadores e creadores se reúnan ao carón da figura de Valente para estudar a súa obra porque con este acto hónrase a Ourense ao honrar a Valente”.

A visión dende a Universidade

“Alongarme foi soamente o xeito de ficar para sempre...”, con estes versos do libro Cantigas de alén de José Ángel Valente deu comezo a súa intervención Rodríguez Fer, xa que “teñen múltiples sentidos e significados que, dalgunha maneira, se completan no día de hoxe”. Para Rodríguez Fer, “este encontro supón unha tripla satisfacción, como amigo de Valente, como investigador e como director da cátedra que leva o seu nome”. Na súa opinión, o poeta, que entregou toda a súa biblioteca á USC, “sentiríase moi contento de que tantas persoas confluísen no seu Ourense natal”.
Pola súa parte, Gálvez, indicou que a presenza do campus neste encontro baséase en tres razóns fundamentais. En primeiro lugar, porque “Valente foi un ourensán de corazón e sentimento, xa que a pesar de que emigrou moi novo, quixo que finalmente as súas cinzas repousasen aquí”. O segundo motivo é que “foi profesor universitario e, polo tanto, un compañeiro”. Por último, o vicerreitor do campus, fixo mención a unha terceira motivación de carácter persoal, “cando Valente decidiu retirarse a Almería fíxoo dicindo que procuraba a luz e eu como emigrante andaluz enténdoo perfectamente”.

Valente universal

Baixo ese título, Rodríguez Fer deu comezo ás xornadas cun relatorio inaugural que afondou na vida e obra do artista. Tamén impartiu unha lección musical, avanzando dende as cantigas populares ata a música de vangarda. O director da Cátedra Valente ofreceu unha visión global do poeta, pero tamén se centrou na súa figura como galego e ourensán, falando da vida do escritor en relación coa cidade auriense e tamén do cultivo que este fixo da lingua galega na súa obra.
As xornadas continuarán con conferencias, mesas redondas e recitais poéticos ata o venres 25, “nunha homenaxe feita con moito cariño e dende a perspectiva sonora”, apuntou Rivera, coordinadora do congreso. Sen dúbida, un dos momentos cumio das xornadas será o concerto Valente: memoria sonora, obra de Mauricio Sotelo e Anton Webern e que será interpretado, entre outros, pola propia Rivera. Este concerto, que se celebrará o día 24 ás 20.00 hora,s foi o cimento ao redor do cal comezaron a organizarse estas xornadas, “unha vez posta a base da obra musical, simplemente tivemos que ir axitando corazóns e todo o mundo se sumou con gran xenerosidade á homenaxe”.