DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un encontro celebrado na Eurocidade Chaves-Verín reuniu a axentes públicos e privados do sector

Ourense como referente da formación en termalismo na Eurorrexión

O mestrado en Turismo Interior e de Saúde e o Campus da Auga foron presentados durante a xornada

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/11/2013

A chamada Eurocidade Chaves-Verín acolleu este xoves unha sesión de traballo arredor do termalismo e da auga na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A cita reuniu a algúns dos principais axentes públicos e privados da zona, tanto lusos coma galegos, para intercambiar información e para establecer novas sinerxías de traballo. Entre os participantes, os responsables do Campus da Auga e do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde foron convidados a presentar as características e as oportunidades que ofrecen estas iniciativas da Universidade de Vigo.

Dentro do Workshop Termalismo na Eurorrexión GNP, Pedro Membiela, comisionado do Campus da Auga, e José Antonio Fraiz, director do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, participaron na mesa dedicada á formación en termalismo na Eurorrexión, onde compartiron debate con Nuria Sánchez, do Centro Superior de Hostalería de Galicia; Verónica Lapa e Xerardo Pereiro, do curso de turismo da Universidade de Trás-os-Montes Alto Douro; Carlos Moreira, directora da Escola de Hidroterapia de Porto, e José Teixeira e António Mota, responsables dos cursos de termalismo e turismo da Escola Profesional de Chaves.

Campus da Auga e mestrado en Turismo

“Foi unha sesión moi produtiva porque nos permitiu dar a coñecer o proxecto do Campus da Auga e sobre todo porque foi unha oportunidade para que actores do eido académico e do eido empresarial dialogaramos sobre a formación do alumnado universitario, sobre as diferenzas que hai entre o que se lle ensina nas facultades e as competencias que as empresas precisan que teñan estes futuros traballadores ”, explicou Pedro Membiela. Durante a xornada, o comisionado amosou aos asistentes as características do proxecto do Campus da Auga, os seus obxectivos, as súas liñas estratéxicas, as primeiras accións, que se desenvolverán ao longo de 2014, e o seu actual estado de implementación, despois de ser aprobado pola Xunta de Galicia o seu plan estratéxico. “A formación é unha das nosas liñas de actuación, unha liña que está moi relacionada coas demais, como son a investigación e a transferencia a través da innovación, e todo isto nun marco de internacionalización que hoxe en día é imprescindible para desenvolver un proxecto como o do Campus da Auga”, apuntou Membiela.

Pola súa banda, José Antonio Fraiz foi o encargado de explicar aos asistentes as características do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, que este ano forma á súa terceira promoción e que dá continuidade aos anteriores estudos de mestrado en turismo que se impartiron na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. “No caso deste mestrado é moi significativa a relación Galicia-Portugal e formación-empresa. Deste xeito, no noso máster cada curso contamos cun número relevante de estudantes lusos e son moitos os docentes, pero tamén os profesionais lusos, os que se achegan ata Ourense para impartir clases. Por outra banda, está a relación permanente que temos co sector privado do termalismo, pois cada ano facemos visitas a empresas deste eido, realizamos nas súas instalacións actividades e temos estudantes que fan prácticas nelas ou que dedican os seus traballos de fin de mestrado a esta temática, ademais de contar como docentes con profesionais deste sector”, comentou José Antonio Fraiz.