DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase no campus do 6 ao 8 de outubro

Ourense será a sede do XXII Congreso Internacional de Turismo de AECIT

Estará centrada na innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 16/02/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense será a sede do XXII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit). A cita desenvolverase os días 6, 7 e 8 de outubro e nela axentes do sector tanto do eido académico e investigador como profesional afondarán no novo turismo: na innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade no sector.

Tendo en conta o atractivo turístico que teñen tanto Ourense como a celebración neste 2022 do Ano Xacobeo en Galicia, José Antonio Fraiz, profesor da UVigo e presidente del comité organizador deste XXII Congreso, explica que a elección da cidade das Burgas como sede desta cita “pareceulle fantástica aos socios de Aecit”. O evento, sinala, “será unha boa oportunidade para os congresistas de transmitir o seu coñecemento e as súas investigacións e debatelas con outros colegas e axentes económicos e sociais, que teñen moito que dicir no gran sector turístico”.  Esta será a segunda vez que a provincia acolla un congreso internacional de Aecit, xa que en 2012 se celebrou unha anterior edición, tamén coordinada desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá, na que participaron máis de 500 persoas.

Aecit é unha asociación que agrupa persoal docente e investigador e profesionais de recoñecido prestixio no ecosistema do sector do turismo, das empresas, das universidades, das institucións e das consultoras en España. Nada en 1994 por iniciativa dun grupo de docentes de diferentes universidades españolas motivados pola crecente importancia e alcance do sector turístico no país e pola importancia de transferir coñecementos entre as distintas universidades, empresa e a sociedade, na actualidade, a entidade conta con máis de 250 socios, entre eles a Universidade de Vigo. A celebración do seu congreso en Ourense, sinalan desde o comité organizador, “pretende darlle continuidade a un evento científico consolidado e de gran relevancia que facilita cada dous anos o encontro de académicos e investigadores, responsables da planificación e xestión pública e empresarios do turismo”.

Encontro do sector científico-académico e empresarial

O congreso márcase como obxectivos crear un foro de encontro de profesionais e investigadoras e investigadores nacionais e internacionais interesados nas temáticas turísticas, que permita establecer sinerxía entre o mundo académico científico, os responsables de xestión pública e o sector empresarial; facilitar a actualización de coñecementos sobre aspectos de planificación e xestión turística e coñecer diferentes modelos de xestión e explotación dos recursos turísticos. Igualmente quere propiciar o encontro e a colaboración entre o sector científico académico e o mundo empresarial, fortalecer os contactos entre institucións e equipos de investigación interesados en elaborar informes e desenvolver proxectos para a mellora da competitividade turística e estimular vínculos con terceiros países en materia de investigación turística. Tamén quere “pór en valor o potencial científico, económico, patrimonial e turístico da cidade e a provincia de Ourense como referente internacional en materia turística, especialmente en termalismo, establecendo sinerxía con institucións crave na nosa provincia”.

A temática elixida para esta edición é o novo turismo: a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade do sector. O congreso, indican os seus responsables, pretende realzar as investigacións vinculadas co sector do turismo, quedando aberto a calquera tema relacionado coas áreas científicas propostas, que son administracións públicas e turismo; xestión de destinos turísticos; márketing turístico; novos produtos turísticos; turismo experiencial; turismo e novas tecnoloxías; responsabilidade social; transversalidade e competitividade turística. Acorde cos seus  obxectivos, como destinatarios, desde o evento sinálase que está aberto a persoal docente e investigador, alumnado e egresados vinculados co Turismo e empresariado, profesionais e outros axentes do sector.