DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O libro "Flora ornamental auriense" recolle o estudo de 300 zonas verdes e 600 plantas

Ourense sitúase como un referente nacional de patrimonio botánico

Unha pequena mostra desta investigación pódese visitar no Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 19/12/2008

Ourense é unha cidade que destaca polos seus numerosos parques e xardíns, en concreto, o municipio posúe máis de 300 zonas verdes que contan con 600 plantas ornamentais que o investigador e psiquiatra, Vicente Rodríguez Gracia, xunto coa súa filla, Rosa Aricia Rodríguez Romero e o seu xenro, Juan Antonio de Jesús González, clasificaron no seu libro Flora ornamental auriense que se publicará nas próximas semanas.
A saída ao mercado deste libro vén acompañada dunha mostra, exposta na planta baixa do Edificio Politécnico ata o 8 de xaneiro, que amosa unha pequena parte do traballo realizado por estes tres investigadores. A exposición, composta por paneis explicativos con fotografías, entre eles 14 maquetas de herbarios, permite coñecer “a morfoloxía e as características da flora de dez das 300 áreas verdes que ten a cidade”, explicou Rodríguez. Nas imaxes pódese observar o Parque de San Lázaro, Miño e Barbaña, o Xardín do Posío, a Alameda do Concello, a Praza Bispo Cesáreo, a Alameda do Cruceiro e as tres áreas verdes do campus: Prados, Hospital e Sur.

Flora auriense

Preto de 600 plantas ornamentais de 300 zonas verdes de todo o municipio e 1.800 silvestres fan de Ourense un referente nacional, “a nosa cidade posúe un xardín botánico ao aire libre dos mellores de España”, declarou Rodríguez. Ao longo de catro anos Rodríguez, xunto coa súa filla e o seu xenro, realizaron un estudo destas zonas verdes. “Foron dous anos de traballo de campo, un de clasificación consultando na biblioteca e o herbario do Xardín Botánico de Madrid e outro de correccións, dixitalización e maquetación”, explicou Rodríguez. Pero por fin a súa investigación verá a luz no libro Flora ornamental auriense. A través das súas páxinas, Rodríguez e os seus colaboradores amosan a morfoloxía e as características da flora das zonas verdes da cidade, incluíndo fichas técnicas de cada unha das especies ornamentais, orixe e idade aproximada na cidade.

O mellor herbario

60.000 insectos, 30.000 pregos de herbario, 5.000 volumes adicados ao estudo deste materiais e unhas 30.000 diapositivas e dixitalizacións de flora e fauna son as cifras de toda unha vida no mundo da botánica e da bioloxía. Para Rodríguez, médico psiquiatra de profesión, o ideal sería que estas coleccións “quedasen na Universidade ou ben en coordinación co Centro de Interpretación de Parques Naturais da Xunta de Galicia e co Xardín Botánico que fará o Concello de Ourense”, dixo Rodríguez. “A única condición que poño é que se nos permita a min e aos meus colaboradores seguir traballando con estes materiais inéditos”, concluíu Rodríguez.