DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este domingo a cidade vestirase de época co gallo da celebración da festa "A Bela Auria"

Ourense viaxará a comezos do século XX para lembrar os mellores anos da súa historia

A Asociación de Estudantes de Historia colabora na iniciativa organizando un ciclo de relatorios

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 24/05/2010

O Ourense de comezos do século XX era unha cidade pequena –a súa poboación roldaba os 60.000 habitantes- pero na que existía un forte movemento cultural. De feito a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez, sitúa nesa época “as mellores manifestacións da nosa literatura e da nosa actividade artística”. Esta realidade motivou a organización dunha festa de recreación histórica baseada naqueles anos que se desenvolverá este domingo, día 30 de maio, cunha morea de actividades como cinema, relatorios, teatro, música e animación. A iniciativa está organizada pola asociación Bela Auria co apoio dunha serie de institucións e colectivos entre os que figuran a Asociación de Licenciados e Estudantes de Historia do campus. (Alehou). A finalidade desta festa da historia é, segundo Martiño Ramos, presidente do colectivo Bela Auria, “reivindicar nos tempos presentes aqueles anos nos que había na nosa cidade un ambiente cultural dunha grande fertilidade creativa, xa que isto pódenos axudar a comprender de onde vimos a nivel histórico como cidade”. Isabel Pérez subliñou así mesmo que a celebración da festa “vai ser un gran día porque nel recrearemos os mellores anos da nosa historia dun xeito lúdico”, sinalou. Ao acto de presentación da actividade asistiu tamén Óscar Penín, vicepresidente de Bela Auria.
O programa de actos comezará ás 10.30 e prolongarase ata ven entrada a noitiña en dous espazos: o Xardín do Posío e o Instituto Otero Pedrayo. Dentro do bloque de actividades que presenta esta nova oferta cultural figura un titulado A historia dentro da historia por ser esta unha disciplina que cultivaron as grandes figuras da época.

Homenaxe aos intelectuais de comezos do século XX

A organización do ciclo de relatorios sobre a historia da época correu a cargo do colectivo Alehou que preparou para a xornada catro conferencias que darán unha visión global sobre os costumes e tradicións daqueles anos. Os relatorios comezarán ás 17.00 horas no Instituto Otero Pedrayo coa intervención de José Ramón Gómez Cachaldora que fará unha visita guiada ao Ourense de comezos do século XX. Seguidamente falará a investigadora Ana Cebreiros sobre Muller e guerra no bando franquista.
Diana Martínez, vicepresidenta de Alehou, explica que o obxectivo do colectivo coa posta en marcha do ciclo de relatorios foi o de “amosar unha visión o máis completa posible do Ourense da época abordando distintas temáticas” e, nesta liña, sitúanse os dous últimos relatorios da xornada. O arqueólogo José María Eguileta falará do Ourense de comezos do século XX e José Cabañas abordará un tema de máxima actualidade: Exhumando ósos, memoria e dignidade.
A asociación Alehou naceu no ano 2005 co obxectivo de establecer un lazo de unión entre os estudantes e licenciados da Facultade de Historia do campus. Na actualidade a formación está integrada por un centenar de membros que traballan na organización de seminarios e que comparten información relativa a ofertas de emprego e outros temas de interese.
Ademais do ciclo de historia o instituto Otero Pedrayo acollerá as actuacións musicais do Coro de Voces Brancas do Orfeón e da Coral de Ruada así como dúas exposicións: unha sobre o libro antigo e galego e a outra que reúne unha selección de fotografías da época.

Actividades lúdicas no Xardín do Posío

O xardín do Posío vai ser o escenario onde terán lugar as actividades de carácter máis lúdico. Entre elas figuran unha serie de obradoiros “para aprender a manexarse en habilidades precisas nunha sociedade menos industrializada”, segundo explicou Martiño Ramos. A esgrima do tempo dos mouros, o xabón faise na casa, as menciñas da aboa ou xogar co vento son só algúns destes talleres gratuítos dirixidos a persoas de todas as idades. Xa pola noite, a partires das 22.00 horas, o Cineclube Padre Feijóo proxectará películas da época neste mesmo espazo.
Dende o colectivo A Bela Auria animan a todos os ourensáns a participar activamente da festa vestíndose con traxes de época xa que a roupa é tamén unha das características daqueles anos, “marcados por unha grande elegancia”, segundo Martiño Ramos. As persoas que non saiban moi ben como vestirse para a ocasión poden consultar a páxina web do colectivo: www.belaauria.com, onde se amosan unha selección de fotografías nas que se pode observar a maneira de vestir daqueles tempos.