DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha superficie 20.000 metros cadrados, dispoñen de campo de fútbol-rugby e pistas de atletismo

Ourense vístese de festa na estrea das novas instalacións deportivas

O reitor, o conselleiro de Educación, o alcalde e o secretario xeral para o Deporte asistiron á inau

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 24/02/2011
O deporte está dando á Universidade de Vigo grandes satisfaccións, como son nas últimas semanas o ascenso á división de honra do Iveco e o título de campións da liga galega do Campus Ourense de Rugby. A bos deportistas e bos equipos corresponde ter boas instalacións nas que adestrar, competir e facer canteira. Desde este xoves, a Universidade de Vigo e a cidade de Ourense contan cun novo recinto para este fin: as instalacións exteriores do campus, compostas por un campo de futbol-rugby e pistas de atletismo. Ubicadas preto do centro da cidade, nacen para o fomento do deporte e para ser orgullo da comunidade universitaria e dos ourensáns.

Ao acto de inauguración asistiron representantes de todas as institucións que participaron neste proxecto e das entidades deportivas que se beneficiarán delas. Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, salientaba na inauguración que estas novas instalacións “amosan que a Universidade medra, e medra cóbado con cóbado coa cidade, axudando a Ourense a desenvolverse”. Para o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, este recinto é para os ourensáns “un orgullo e unha posibilidade para a práctica das actividades deportivas”.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, salientaba pola súa banda que as instalacións “respostan a unha demanda existente” pois salienta, na provincia existen 250 clubs e 5500 licencias deportivas. Dado que o seu uso será prioritariamente para a comunidade universitaria, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, apuntaba que constitúen ademais un “complemento magnífico ás aulas” e apelaba ao “esforzo, o mérito e a superación” como valores do deporte.

Case 20.000 metros cadrados

Cunha superficie total de 19.867 metros cadrados, as instalacións dispoñen dun campo de herba artificial para a práctica de rugby e fútbol e dunhas pistas de atletismo de oito rúas, con zona de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega, así como gradas e vestiarios. O seu custe ascende a 1,85 millóns de euros, un millón dos cales foi achegado pola Xunta de Galicia e 850.000 euros pola Universidade de Vigo. A esta colaboración hai que engadir a achega do Concello de Ourense, que cedeu unha superficie de case 12.000 metros cadrados para a realización da obra.

Neste marco de colaboración, proximamente realizarase a sinatura dun convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a utilización das instalacións de Monterrei de xeito complementario ás pistas inauguradas, o que permitirá que acolla competicións oficiais completas de atletismo. As autoridades presentes amosaron a súa total disposición a chegar a un acordo neste eido.

Unha vez rematada a inauguración oficial chegou o momento de estrear o campo e para facelo celebrouse un partido entre o Club de Rugby de Arquitectura Técnica A Coruña, que compite na División de Honra da Liga Feminina da Federación Española, e o Vigo Rugby Club, que compite na Liga Feminina da Federación Galega. A elección destes equipos non é casual xa que a Universidade, na súa preocupación pola igualdade, quixo aproveitar a ocasión para visibilizar a presenza da muller no deporte, neste caso nun deporte como o rugby, tradicionalmente masculino. Unha reivindicación non puntual e que estará presentes en todos os encontros, xa que desde todo o campo é visible un mural realizado por Rafael Jurado e titulado Corazón Deportivo que amosa que a igualdade e o deporte camiñan da man.

Con este partido e o inicio oficial da actividade nas instalacións culminou o traballo e os esforzos de moita xente para dar á cidade de Ourense unhas instalacións desta categoría. No seu discurso de inauguración o reitor quixo deixar constancia deses agradecementos, entre os que salienta o anterior vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, que viviu todo o proceso ata chegar este xoves á súa inauguración, e o Servizo de Deportes do campus e da Universidade.