DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun congreso organizado por Aexpa en colaboración con múltiples entidades

Ourense volverá á época medieval a través do seu patrimonio histórico e artístico

Terá lugar os días 13, 14 e 15 de novembro no Auditorio Municipal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 10/10/2008

As relacións entre a arte e a historia na época medieval en Ourense centran o congreso que durante os días 13, 14 e 15 de novembro afondará no patrimonio cultural da provincia, a segunda máis importante de España pola súa pegada románica. Promovido pola organización Aexpa, en colaboración con numerosas entidades, o encontro contará con relatorios de grande nivel así como con visitas guiadas por expertos a puntos de turismo emblemáticos da zona.
“O obxectivo é achegar á xente a un patrimonio e unha beleza paisaxística que temos ao noso redor, moitas veces sen decatarnos” explicou dende a organización Natalia Pérez, á vez que o congreso nace tamén coa vocación de converterse “nun punto de encontro para que os investigadores na materia intercambien experiencias”. De feito, Aexpa é unha asociación sen ánimo de lucro que dende a súa creación, en 1995, realizou numerosas actividades formativas como cursos, conferencias, seminarios e campañas de divulgación sobre temas de actualidade. Desta banda a idea de centrarse na historia e na arte xurdiu do seu director, Luis Timiraos, licenciado en Xeografía e Historia, como unha inquedanza persoal . A relidade é que os tema esperta bastante interese entre o público, “porque xa temos uns 100 inscritos e ademais recibimos solicitudes e propostas para realizar ciclos de conferencias máis específicos”. Pero polo momento haberá que agardar a ver o resultado deste primeiro congreso antes de pensar en repetilo, “neste momento só queremos que a xente se leve un bo recordo e que sexa unha experiencia enriquecedora para todos”, sinalou Natalia Pérez.

Visitas guiadas e relatorios

O programa está estruturado en dous bloques, un centrado no mundo da historia, e outro máis amplo no que a arte medieval é a protagonista. “Temos un elenco de relatores expertos de longa traxectoria, tanto galegos como doutros lugares de España e todos eles de grande calidade” explicou Natalia Pérez. Entre eles destacan a profesora da Universidade de Vigo, Mercedes Durán, que falará da paisaxe urbana de Allariz, arqueólogos ou encargados de arquivos históricos. Pero malia que o prato forte do congreso son as conferencias, o programa compleméntase con outro tipo de actividades, as chamadas saídas científicas. Así, os asistentes poderán coñecer, da man de prestixiosos guías, o Mosteiro de Oseira,o de San Estevo, os monumentos máis importantes de Ourense, a Ribeira Sacra e a vila de Allariz. Os asistentes tamén poderán participar na cea de clausura que se celebrará no incomparable marco do Mosteiro de San Clodio.

Información para os interesados

O congreso está dirixido ao público en xeral, dende estudantes a profesionais, especialistas e investigadores do campo das artes, a historia e a cultura, “así como calquera persoa con inquedanzas e ganas de aprender e coñecer un pouco máis o noso patrimonio histórico e artístico” explicou Natalia Pérez. Os interesados deberán matricularse descargando o boletíns de inscrición na páxina web e envialo debidamente cumprimentado xunto a unha fotocopia do DNI e, no seu caso, o documento que acredite situación de desemprego ou de estudante para acceder aos descontos establecidos, ao fax 988601126 ou por correo ordinario á dirección Rúa da Concordia 13, 1º 32003 de Ourense. Aínda que non hai límite de prazas, o prazo de matrícula remata o 13 de novembro.
En canto aos prezos por participar, ata o 31 de outubro serán de 90 euros para o público en xeral e 50 para os estudantes e desempregados. A partir desa data as cotas subirán 10 euros. O pago da matrícula inclúe a asistencia aos actos científicos, un título acreditativo de participación, a entrega dos textos do congreso e de documentación complementaria e os desprazamentos, pero os que desexen asistir á cea de clausura terán que aboar 30 euros máis. Ademais, os alumnos da Universidade de Vigo e da de Santiago poderán convalidar a asistencia por dous créditos de libre elección.