DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus organiza esta semana o seu primeiro torneo desta categoría

Ourense xoga no taboleiro internacional do xadrez

Na cita participan 22 mestres desta disciplina, oito deles grandes mestres

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/07/2014

87 xadrecistas inscritos, tanto galegos como foráneos, 78 deles con ranking internacional. 22 mestres do xadrez, oito deles grandes mestres procedentes de sete países. Sete días de competición. Máis de 6000 euros en premios. Con estes datos arrancou este luns no Pavillón de Deportes universitario o I Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense. A competición nace coa aspiración de converterse nun referente internacional deste deporte ao mesmo tempo que recoñece o traballo das persoas e equipos que traballan no desenvolvemento do xadrez na provincia e contribúe a fomentar unha disciplina que une deporte, arte e coñecemento.

Éxito de participación

O certame foi inaugurado por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Alfonso Vilachá, concelleiro de Deportes da cidade; Mario Guede, responsable de Deportes en Ourense da Xunta de Galicia; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus, e Lino Hermida, director do torneo e presidente da Asociación Xadrez Ourense Universitario, encargada da organización do evento. “Esta iniciativa colócanos no mapa do xadrez internacional. A inscrición xa foi un éxito e agora agardamos que tamén o sexa o desenvolvemento do torneo. Con el damos un salto cualitativo moi importante que agardamos sexa un paso máis doutros que virán de éxito do xadrez ourensán”, destacou Virxilio Rodríguez aos asistentes.

“A resposta á convocatoria deste torneo foi fantástica. Estamos moi satisfeitos coa implicación da xente e coa cantidade e calidade de xogadores inscritos. Contar na competición e ver xogar a oito grandes mestres e 22 mestres en total é un privilexio. Xunto a eles tamén é moi importante a participación de xente nova que son o futuro deste deporte e que neste tipo de encontros atopan un aliciente para seguir apostando polo xadrez”, apuntou Lino Hermida. Deste xeito, entre os participantes mestúranse desde nenos e nenas ata veteranos, desde afeccionados ata campións como Strikovic Aleksa, David Lariño e Yarieta Forgas, e procedencias xeográficas moi diversas, con xogadores de España, Portugal, Cuba, Serbia, Lituana, Romanía e Arxentina, entre outros.

26 premios

Para romper o xeo este luns, a primeira partida xogada tivo lugar, fóra de competición e de xeito informal, entre o propio vicerreitor do campus de Ourense e o xogador Joaquín Bello, unha das persoas referente do xadrez de Ourense. Rematando en táboas por cortesía, con este enfrontamento amizoso arrancou a primeira rolda de partidas no Pavillón de Deportes, que foi habilitado de xeito especial para a ocasión. O árbitro principal da cita é Lukas Iruretagoiena, árbitro internacional FIDE, e o adxunto David González.

A competición, que pretende dar continuidade ao Torneo de Xadrez das Burgas que deixou de celebrarse en 2009, disputarase polo sistema suízo a nove roldas en horario de mañá e tarde ata o domingo. A cadencia de xogo é de 90 minutos por xogador, aos que se engaden 30 segundos por cada xogada realizada. En total repartiranse 26 premios por valor máis de 6000 euros entre as categorías xeral, Interelo, afeccionado, sub 1800 e veteranos, habendo tamén un Premio Especial Provincial ao mellor clasificado ourensán.