DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os edificios universitarios acollerán seis exposicións ata Nadal

O Outono Fotográfico iluminará o campus coas mellores imaxes

O certame contará en total con 114 mostras de 471 creadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 25/10/2012

Unha cita de referencia na cultura ourensá por estas datas é a celebración do Outono Fotográfico. Nesta edición, a 30, o certame contará con 114 mostras de 471 creadores e coa participación de 34 institucións. Entre elas, e como vén sendo tradición, estará o campus de Ourense. Os edificios universitarios acollerán seis exposicións individuais e colectivas que se prolongarán ata Nadal. O creador Germán Gómez, o colectivo artístico METT 03.04, o Museo do Pobo Galego e os galardóns fotográficos da Universidade de Vigo, de Médicos do Mundo e de Revela serán os protagonistas.

O acto de presentación do Outono Fotográfico contou este xoves coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xavier Paz, director do certame; Agustín Fernández, alcalde de Ourense; Rogelio Fernández, delegado da Xunta para Ourense, e a concelleira Ana Belén Iglesias. “Para o campus de Ourense é unha satisfacción poder dicir que a Universidade vai estar e vai seguir estando un ano máis nesta cita dinamizadora da cultura e da vida na cidade”, salientou María Lameiras. A edición 2012 do Outono Fotográfico, que segundo salientou o alcalde “é un auténtico referente que permite converter os espazos públicos en auténticos espazos expositivos”, será a número 30. Un aniversario que foi destacado por Rogelio Fernández e por Xosé Lois Vázquez, que subliñou que dando continuidade a esta iniciativa “se mantén viva a memoria de Benito Losada”, anterior director da Casa da Xuventude de Ourense e creador desta mostra.

Programación

No campus de Ourense serán seis as exposicións que se poderán ver. A Sala Alterarte acollerá a mostra Condeados, do fotógrafo Germán Gómez e o comisario Xosé Manuel Buxán. A través de retratos e realidades fragmentarias ou superpostas, o creador proporá aos visitantes unha reflexión sobre a condea do propio ser. Será do 9 de novembro ao 18 de xaneiro de 2013. Pola súa banda, Revela é o título da mostra que acollerá, do 26 de novembro ao 19 de decembro, o Edificio de Facultades. Nela poderanse ver as obras galardoadas no Premio Internacional de Fotografía aos Titulares dos Dereitos Sociais.

No Edificio Politécnico celebraranse dúas exposicións. A primeira en inaugurarse será Ánima e ánimus, do colectivo artístico METT 03.04, que estará no primeiro andar do centro do 29 de outubro ao 16 de novembro. Nela, as súas creadas reflexionan arredor das figuras feminina e masculina no mundo dos soños e dos pesadelos. A segunda mostra será, do 20 de novembro ao 7 de decembro, unha recompilación das obras premiadas no IX Certame de Fotografía Universidade de Vigo.

Un ano máis a Biblioteca central universitaria tamén se unirá ao Outono Fotográfico acollendo unha escolma das imaxes de carácter antropolóxico presentadas polos socios e socias do Museo do Pobo Galego á VI edición do seu concurso Entre amigos. Comisariada por Fátima Braña, a mostra estará no centro do 6 ao 23 de novembro. Por último, o Edificio Xuridico-Empresarial acollerá do 7 ao 23 de novembro unha exposición coas obras galardoadas no Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña, convocado por Médicos do Mundo.