DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creadora Sheila Pazos expón en Alterarte ata o 22 de decembro

O Outono Fotográfico ocupa coas mellores imaxes as salas do campus

Comeza a exposición das obras do VII Certame de Fotografía Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 29/11/2010
Como cada ano, o campus de Ourense únese á celebración do Outono Fotográfico abrindo as súas salas ás mellores imaxes coa organización de diferentes exposicións. No Edificio Politécnico pódese ver desde hoxe as fotografías que se presentaron ao VII Certame de Fotografía Universidade de Vigo e na sala Alterarte continúa a exposición da creadora Sheila Pazos Por que todo debería ter sentido?.

O Outono Fotográfico, coordinado pola Casa da Xuventude de Ourense, é a cita de referencia coa divulgación fotográfica na cidade. Como tal, o campus de Ourense quere unirse coa celebración de varias exposicións que acheguen este formato á comunidade universitaria, en concreto, e aos ourensáns en xeral.

Entroido, videoxogos, muller e Massó

Este luns abriuse no segundo piso do Edificio Politécnico a exposición coas fotografías que se presentaron ao VII Certame de Fotografía Universidade de Vigo. A temática das imaxes expostas é moi diversa, xa que se presentaron nove traballos na categoría de serie fotográfica e doce na de fotografía individual. Así atopamos desde retratos e paisaxes ata escenas da vida cotiá.

Entre as imaxes pódese gozar das obras gañadoras do certame. No apartado de series fotográficas está a obra Carnival kitch (1º premio), de Marta López González, que xoga coa imaxe dunha muller con diferentes máscaras, e Massó. Serie: mostra emblemática (accésit), de Rosa María Fernández Camaño, que percorre en imaxes estas emblemáticas instalacions.

Xa no apartado de fotografía única pódese ver unha obra sen título de Begoña Mumary Lorenzo (1º premio), que retrata sobre negro a unha muller espida cunha venda nos ollos, e a imaxe The game (accésit), de Paula Domínguez Cabal, onde se pode apreciar a escena dun rapaz no sofá xogando ao videoxogos.

Cidade e cidadán redimensionados

A poucos metros desta exposición e sen saír do campus, os interesados poden achegarse a outra mostra centrada na fotografía. A sala Alterarte acolle desde o pasado 4 de novembro e ata o 22 de decembro a exposición Por que todo debería ter sentido?, realizada pola creadora Sheila Pazos e comisariada por Mercedes Rozas.

Nas súas fotografías Sheila captura espazos da cidade, como grandes edificios grises, e convérteos en sillas, mesas ou escaleiras para as persoas, que os habitan con naturalidade e que aportan notas de cor ás imaxes. Ao inverter a escala habitual entre cidade e persoa e ao xogar coas cores e co forte contraste entre escenas habituais en contexto exteriores, a artista quere amosar que todo o imaxinable pode facerse realidade e quere invitar a soñar aos espectadores.