DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle unha mostra do IX Certame de Fotografía da Universidade de Vigo

O outono e o Outono Fotográfico, en todo o seu esplendor

Este xoves presentouse o catálogo desta edición do certame

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 22/11/2012

Coas zonas verdes do campus de Ourense cubertas polas follas que caen das árbores, o Outono Fotográfico chega ao seu momento álxido coa inauguración de exposicións por toda a cidade. No eido universitario, a última en abrir ao público é unha mostra situada no Edificio Politécnico que recolle as obras finalistas e gañadoras do IX Certame de Fotografía da Universidade de Vigo. Este xoves tamén se presentou o libro-catálogo desta edición, a 30, do Outono Fotográfico, onde se recolle unha selección das obras presentadas este ano e información de todas as iniciativas levadas a cabo.

Entre as instantáneas que se poden ver ata o 7 de decembro no primeiro piso do Edificio Politécnico, están as dúas obras galardoadas no tradicional concurso fotográfico da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, o primeiro premio na categoría de fotografía única foi para unha peza de Mercedes García titulada Danubio Azul que plasma unha escena dunha parella nese río europeo. “A imaxe é froito da casualidade. Visitando Bratislava cando estaba co Programa Erasmus en Austria fixen esa fotografía e cando a vin no ordenador foi cando me decatei da existencia da parella”, apunta a autora, que é estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.

Tamén deste centro é o alumno Pablo Dapena, que gañou o galardón da Universidade de Vigo na categoría de serie coa obra titulada Outra visión. “As miñas fotografías retratan unha serie de obxectos manipulados, nos que xoguei coa súa forma e co seus significado”, explica o creador. Unha cunca con costuras, unha lámpada con alas ou un compás que debuxa un cadrado son algunhas das súas propostas. Xunto a elas pódense ver diferente series e obras únicas que amosan toda a creatividade fotográfica da comunidade universitaria.

Un libro-catálogo

Este xoves presentouse tamén o libro-catálogo desta 30 edición do Outono Fotográfico nun acto no Ateneo que contou coa participación de Xosé Lois Vázquez Che, coordinador da iniciativa; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Merche Valeiras, directora da Casa da Xuventude de Ourense; Paco Pérez, secretario do Ateneo, e Paco González, responsable do Centro Cultural da Deputación Provincial de Ourense. “As exposicións do Outono son efémeras e con este libro queremos crear un instrumento que se poida transmitir a todas as persoas interesadas e no que se poidan ver as tendencias da fotografía internacional”, apuntou Xosé Lois Vázquez. A publicación recolle unha selección de obras e os datos de todas as mostras celebradas nesta edición, entre elas as seis que tiveron e teñen como escenario o campus de Ourense.