DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un vídeo sobre as noctilucas, primeiro no concurso ‘On zientzia’ do programa Teknopolis

Outro premio a Divulgare confirma que a ciencia é para todos

O galardón salientou a capacidade do traballo para transmitir información a un neófito no tema

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 14/11/2011

Non só divulgar, senón facelo de xeito orixinal e accesible para que a información poida ser empregado por calquera tipo de público. Iso é o que valorou o xurado do concurso 'On zientzia' no vídeo realizado polo grupo Divulgare sobre as estratexias adaptativas a través da bioluminiscencia das algas Noctilucas scintillans, que acadou o primeiro premio duns galardóns concedidos polo programa da ETB Teknopolis, considerado o mellor espazo televisivo de divulgación científica de Europa pola European Science Foundation. A peza, feita en 3D baixo o título Estratexias adaptativas: hipótese da alarma contra ladróns, foi premiada non só pola súa calidade técnica senón porque conseguiu que un tema pouco atractivo para o xurado acabara “entrándolle polos ollos". "O premio supón un orgullo dobre porque non só nos abre portas na televisión autonómica, senón porque conseguimos que unha persoa que aseguraba que a bioloxía non lle interesaba para nada elixira o traballo porque consideraba que lle transmitira de xeito ameno información que descoñecía”, recoñeceu o director do grupo, Luis Navarro.

Non é a primeira vez que este vídeo sobre as noctilucas, financiado pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología, recibe o recoñecemento internacional: ademais dunha mención honorífica nos Premios Prismas de Bronce por reflectir o traballo dun grupo científico de xeito claro, conciso e ben enfocado, foi galardoado co premio do público da prestixiosa revista The Scientist ou o trofeo Eugenio Tutor ao mellor traballo producido por unha universidade na Bienal Internacional de Cine Científico. “Toda esta repercusión anima a continuar”, subliña Navarro. Despois de anos de traballo, a calidade dos vídeos de Divulgare é tan grande que ata para unha reportaxe sobre o mexillón cebra nas noticias de La Sexta empregaron medio minuto dun traballo feito polo grupo dirixido por Navarro.

O inimigo do meu inimigo é o meu amigo

A idea deste traballo é divulgar entre a cidadanía a capacidade destas algas microscópicas para brillar como modo de defensa, un fenómeno de bioluminiscencia que incluso Darwin tentou explicar a través da teoría da ‘Alarma contra ladróns’: as noctilucas, presa habitual de crustáceos transparentes, son capaces de brillar no interior do seu depredador e convertilo nunha alarma fosforescente coa que atraer axuda. O vídeo recolle imaxes dunha cámara microscópica que un investigador lanza pola borda dunha embarcación e que descubre ao público os misterios do fondo mariño.

O seguinte vídeo, tamén centrado no mar

O traballo de divulgación do grupo liderado por Luis Navarro continúa e co mar como eixo de investigación. Divulgare está traballando nun novo vídeo sobre as praderías de Posidonia, unha planta acuática endémica no mar Mediterráneo con características similares ás plantas terrestres e con notable importancia ecolóxica. O traballo, encargado polo organismo autónomo de Parques Nacionais, tratará de abordar “a problemática e as vantaxes medioambientais da súa conservación” nas que están investigando o grupo dirixido por Carlos Duarte.