DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha web ofrece unha viaxe transcultural polo xénero e a sexualidade en diferentes comunidades

Outros mundos, sen patriarcado e sen binomio home/muller, si existen

A iniciativa é froito da concesión dun accésit dos Premios Antonia Ferrín Moreiras da Unidade de Igu

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 11/01/2016

Nin o patriarcado nin o binomio home/muller son universais. Outras formas de sociedade, con outras clasificacións de xénero e de sexualidades, son posibles e basta unha ollada a culturas da contorna para comprobalo. Para visibilizar esta diversidade, un grupo dirixido pola socióloga Águeda Gómez vén de publicar unha web na que se propón unha viaxe transcultural polo xénero e a sexualidade en diferentes comunidades e se pon a disposición do persoal docente unha unidade didáctica que permite deconstruír a visión “naturalizada” e dominante existente na sociedade occidental contemporánea.

Baixo o título Etnicsexualidade. Investigación en grupos étnicos e sexualidade, a páxina web recompila os froitos do traballo realizado ao longo de máis dunha década pola docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Águeda Gómez con especialistas como a antropóloga mexicana Marinella Miano, xa falecida; a investigadora Silvia Pérez, que colaborou no estudo sobre os clientes da prostitución en España; o docente de Comunicación Audiovisual Xaime Fandiño, a docente de Economía Aplicada Rosa María Verdugo e o enxeñeiro agrónomo Alejandro Nuricumbo. Todo o material exposto, explica a responsable do proxecto, permite ver como “o sistema sexo/xénero dunha sociedade non obedece a unha orde natural dada, senón que é un produto sociocultural e, polo iso, temporal e cambiante. Son deseños culturais de carácter arbitrario, que responden a relacións históricas e sociais, de poder e de control social, que non derivan unicamente da “natureza” sexual dos seres humanos”.

Información, imaxes, vídeos, actividades...

O protagonista da web é a unidade didáctica Xénero e sexualidade no mundo: unha viaxe transcultural, realizada grazas ao accésit concedido no primeiro Premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero Antonia Ferrín Moreiras, convocado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo no ano 2015. Como contexto a esta unidade didáctica, as persoas interesadas poden coñecer na web traballos sobre a prostitución en España; a educación para a igualdade desde a antropoloxía sexual; as culturas sexuais indíxenas en México; a existencia de sociedades matriarcais; a relación entre e etnicidade e identidades analóxicas, e a muller e a mobilización étnica. Deles pódese consultar un amplo abano de información, vídeos e imaxes orixinais sobre as culturas obxecto de interese, presentacións, enlaces a recursos de interese, etc.

Co obxectivo de facilitar ao persoal docente a transmisión desta compoñente étnica e antropolóxica da sexualidade e do xénero, a web ofrece unha unidade didáctica formada pola presentación de estudos clásicos na materia e casos etnográficos, ademais de facer unha proposta de actividades para o alumnado e enlazar recursos de interese. Deste xeito, as persoas que a empreguen poden coñecer como no século XX comezan os estudos antropolóxicos sistemáticos sobre o xénero e a construción cultural da identidade sexual, onde destaca o traballo pioneiro da antropóloga Margaret Mead, que en 1935 escribiu Sexo e temperamento en tres sociedades primitivas, obra na que compara os roles de xénero nos pobos arapesh, mundugumor e tchambuli, de Nova Guinea, e demostra que non existe correspondencia natural estrita entre sexo e xénero. Alén de facer este percorrido histórico polos estudos e autores relacionados con esta temática, a proposta didáctica realiza un percorrido comparativo a través de diferentes modelos de sociedade: con xéneros múltiples, matricéntricas, con rituais de xénero cruzados, intersexuais e outras sociedades.

Diversidade de modelos e prácticas

Deste xeito, os usuarios da unidade poden coñecer sociedades con xéneros múltiples que rachan co modelo binario e co dimorfismo biolóxico, sociedades coma os buguis de Indonesia, onde recoñecen cinco identidades sexo/xenéricas: home, muller, home que actúa como muller, muller que actúa como home e identidades mixtas e non permanentes. Tamén entre os ciukci siberianos recoñécense sete xéneros: masculino, feminino, tres xéneros ulteriores para os bioloxicamente varóns e outros dous para as femias biolóxicas. Respecto ás sociedades con rituais de xénero cruzados, a unidade didáctica sinala que se trata dunha tipoloxía acuñada por Anne Bolin que se refire á adopción do porte e a xestualidade do outro xénero unicamente en contextos ritualizados concretos e non permanentes, como nas cerimonias funerarias rarámuris ou na covada, un ritual masculino vinculado ao ciclo reprodutivo feminino e moi presente en diversas culturas. Pola súa banda, indicase na unidade, as sociedades intersexuais, con xéneros hermafroditas, refírense á condición conxénita de ambigüidade das estruturas xenitais reprodutivas de forma tal que o sexo do individuo non esta claramente definido de xeito exclusivo como varón ou como muller. Así, por exemplo, entre os navajos, o estatus de hermafrodita está moi valorado.

Sobre as sociedades nas que existe certa igualdade de xénero, a unidade didáctica lembra que na actualidade mantéñense supostos matriarcados entre os bijagó de Guinea Bissau; os nagovisi de Papúa Nova Guinea; os minangkabau de Sumatra; os mosuo, en China; os khasi, garos e jaintias, na India; os machiguenga de Perú ou os zapoteca de México. Por último, a proposta educativa afonda en como a poligamia existe no 90% das culturas e noutras prácticas. Entre elas, cita a dos mosuo de China, onde non existe a institución do matrimonio como tal senón “matrimonios andantes”, relacións temporais entre homes e mulleres onde esta última decide con quen, cando, ata cando e onde inicia e desenvolve o contacto, e os fillos pertencen só a familia da nai.