DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No II Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte, o 27 e 28 de outubr

O pai de Jorge Lorenzo desvelará en Pontevedra o adestramento mental do seu fillo

Coa participación do ex ciclista Óscar Pereiro, do atleta Alejandro Gómez ou do árbitro Ignacio Igle

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 25/10/2011

En todos os foros do deporte inciden en que a preparación mental é clave para mellorar o alto rendemento, completando o adestramento físico. Co obxectivo de avanzar en este eido da psicoloxía deportiva, o Pazo de Congreso de Pontevedra acolle, entre o 27 e 28 de outubro, o II Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte, dirixido por Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo. Os máis de 200 inscritos coñecerán os principais exercicios mentais aplicados tanto en adestradores como en deportistas de elite, da man de profesionais como Chicho Lorenzo, pai do campión do mundo de Moto Gp, “que explicará como foi o proceso de aprendizaxe mental do seu fillo Jorge”, apuntou Dosil no acto de presentación do congreso.

Pola súa banda, o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou o compromiso da cidade coa práctica deportiva e con este tipo de eventos. “Estamos ante unha liña de traballo que queremos potenciar dende o concello pois somos un referente neste eido”, sinalou, ademais dos beneficios económicos que supón para a cidade.

Organizado pola Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, SIPD, e pola Unidade de Psicoloxía do Deporte de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo e co Concello de Pontevedra, o congreso busca xerar un punto de encontro entre os profesionais do mundo deportivo e os principais avances que se están dando na psicoloxía do deporte “para que todos os asistentes poidan coñecer como se está a traballar a parte mental no alto rendemento e cales son os novos ámbitos de investigación en este eido”, comentou o presidente do comité organizador. Así, adiantou algunhas das técnicas mentais das que se debaterán durante as xornadas, como o coaching, “que cada vez está máis de moda”, técnicas de biofeedback, “ou como empregar aparellos para traballar a mente” ou formas de intervención psicolóxica peculiares, “dentro dos vestiarios, dos box de Fórmula 1...”.

Psicoloxía para adestradores e para deportistas

Esta segunda edición do Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte contará con dúas partes ben diferenciadas, dedicando o primeiro día á preparación mental dos adestradores e a segundo á dos deportistas. A conferencia inaugural virá da man de Luis Casáis, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “que grazas ao seu dobre papel de adestrador e de psicólogo, afondará en aplicacións mentais dende o seu rol", aclarou o presidente do congreso.

O evento, ademais de catro relatorios e catro simposios, inclúe a organización de dúas mesas redondas, “unha destinada para os adestradores e outra para os deportistas”, puntualizou Dosil. A primeira, ademais da presenza do pai de Jorge Lorenzo, contará coa intervención de Alberto Argibay, ex adestrador do Pontevedra FC e representante deportivo, “que disertará sobre a forma de traballar na mente dos xogadores en cada un dos casos”, e de adestradores de atletas en etapa de iniciación. Aínda está por confirmar a asistencia de Paco Herrera, adestrador do RC Celta de Vigo.

Na segunda mesa redonda, dedicada aos deportistas, participará o ex ciclista Óscar Pereiro, “que desvelará aqueles recursos mentais que emprega na súa vida deportiva”; o atleta Alejandro Gómez; o piloto de rallys, Luis Penido e Ignacio Iglesias Villanueva, único árbitro galego de fútbol en primeira división, “que contará como enfronta mentalmente os partidos e como é traballar baixo a presión do Camp Nou o do Bernabeu”, exemplificou Dosil. O congreso completarase con tres obradoiros prácticos polos que irán rotando os 200 participantes, “para que perciban en propia carne as sensacións de traballar aspectos mentais”. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete, impartirá a conferencia de clausura.