DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 10 de agosto no Pavillón 1

"Paisaxes de peto" pecha a tempada na sala Alterarte

A mostra está composta por pinturas ao óleo realizadas sobre "post-it"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 03/07/2009

A sala Alterarte pecha a tempada 2008-2009 coa exposición Paisaxes de peto do artista Olmo Cuña. Unha mostra moi axeitada para as datas nas que nos atopamos, nas que a maioría das persoas xa están pensando nas súas vacacións de verán. Esta exposición presenta unha pequena colección de miniaturas ao óleo composta por imaxes que “proveñen de tarxetas postais de Canarias e Galicia, de cadros de paisaxistas clásicos dos séculos XV e XVI e de fotografías de afeccionado”, explicou Cuña. O máis curioso da mostra, ademais da calidade e precisión das miniaturas, é o soporte sobre o que están pintadas: un sinxelo post-it de cor amarela. “Un soporte portátil, efémero, empregado como unha nota de quita e pon, como unha observación que se deixa para logo ou para tela ben presente”, comentou Cuña.
A colección agrupa diferentes series que reúnen citas, notas e recordos, “unha especie de memoria externa sobre a paisaxe”. A obra de Cuña fala de como os turistas viven a experiencia da paisaxe, o afán por elaborar unha precisa documentación de todo o visitado mediante rexistros fotográficos que, ás veces, “desprazan a experiencia do lugar para revivila ao chegar a casa, de xeito que poidamos reconstruír unha memoria formada por imaxes”, apuntou Ignacio García, comisario da exposición. Sen embargo, este afán limita a nosa experiencia directa coa paisaxe e énchenos cunha ollada superficial.
Para elaborar cada post-it, o artista emprega no traballo varias tardes enteiras, fixándose en todos os detalles, tal e como comentou entre risos “de momento non emprego gafas, pero pouco tardarei, xa que cada vez teño a vista máis cansa”.

Olmo Cuña

Olmo Cuña é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e desenvolveu a súa actividade artística en Galicia, Tenerife, onde estudou cuarto curso na Universidad de La Laguna, e en Valencia, lugar no que reside e traballa na actualidade ao mesmo tempo que realiza o Máster en Produción Artística na Universidad Politécnica.
Foi durante a súa estancia na illa tinerfeña “cando xurdiu a súa preocupación pola paisaxe, temática que tratou de xeito insistente nos seus últimos traballos”, comentou García. “Ao vivir alí o turismo comezou a chamar a miña atención, a idea de como se mestura a paisaxe máis paradisíaca coa construción máis salvaxe”, dixo Cuña.
Por esas datas, o artista logrou facerse cunha colección de postais dos anos 70 e “comezou a traballar sobre elas, intervindo as paisaxes que amosan”, apuntou García. Despois diso, “un día fixen unha pintura nun post-it e pensei que aquí había algo bo e seguín traballando”, puntualizou Cuña.