DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Asociación Universitaria Medioambiental SYME

Paisaxismo, xardinería e contaminación centrarán a "II Semana da Terra"

Na Facultade de Ciencias entre os días 28 de abril e 14 de maio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/04/2008

Co gallo da celebración hoxe do Día Mundial da Terra, a Asociación Universitaria Medioambiental SYME presentou a II Semana da Terra, un ciclo de conferencias nas que se afondará na contaminación, a xardinería e o paisaxismo, así como noutras actividades coma o uso de praguicidas, a compostaxe ou a poda. As xornadas, que comprenden un total de seis charlas e un obradoiro, terán lugar no Edificio Politécnico entre os días 28 de abril e 14 de maio, e están organizadas en colaboración coa Vicerreitoría do campus e a Facultade de Ciencias.
O vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, sinalou que “estamos encantados de colaborar coa asociación universitaria SYME, xa que pensamos que ademais dos graos e os posgraos, o alumno ten que ter unha serie de coñecementos complementarios que lle axuden a coñecer e valorar o mundo que o rodea, neste caso a paisaxe” dixo. Nesta segunda edición o enfoque “vai máis cara o eido das tarefas básicas que se deben coñecer á hora de traballar en xardíns, xunto cos coidados que hai que darlle á terra” explicou Gálvez, que destacou de entre os relatorios “o da contaminación en montes e augas, o de deseño de áreas recreativas e parques urbanos, e o curso de poda para árbores froiteiras e ornamentais”.
O decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, expresou tamén a súa satisfacción “por participar na organización destas xornadas, xa que dende a facultade sempre promovemos accións relacionadas coa terra e o medio natural” dixo. Ademais, engadiu, “é un orgullo ver como un antigo alumno noso, como é o caso de José Antonio Pérez, licenciado en Bioloxía e que realizou aquí o Graduado Universitario en Ciencias e Tecnoloxía Ambiental, está liderando unha acción formativa como esta, xa que a conservación medioambiental, ten unha compoñente de concienciación cidadá moi importante” explicou.
A asistencia é totalmente gratuíta e está dotada con dous créditos de libre elección para os alumnos da facultade, polo que, aínda que a entrada é libre, os que os desexen, deberán inscribirse antes do 25 de abril na secretaría do decanato da facultade.

Próximas actividades de SYME

Precisamente o director de SYME, agradeceu a colaboración tanto da Vicerreitoría como da Facultade de Ciencias “coas actividades realizadas nos catro anos que ten a asociación de vida” dixo. “Xa que hoxe é o Día Mundial da Terra, non queriamos facer actos reivindicativos nin protestas senón axudar ao medio ambiente facendo actividades formativas” explicou. “Ademais, dende a asociación, queremos achegarnos máis á sociedade e, por exemplo, estamos á expectativa dunha reunión co concelleiro de Medio Ambiente para arranxar unha serie de problemas que está a ter a cidade nos últimos meses, como pode ser o elevado número de coches abandonados nas rúas” dixo.
Por último, engadiu que “aínda que estas xornadas son a pequena escala, para os alumnos interesados no eido medioambiental máis aplicado, no mes de outubro, previsiblemente, organizaremos as II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental, cuns 50 relatores” comentou.