DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director e os protagonistas de ‘Vilamor’ dan a coñecer a súa película no campus

A paixón polo cine galego levada porta a porta

A película conta cunha furgoneta promocional que percorre as principais cidades de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 18/04/2012

Ante a falta de grandes orzamentos, a innovación pode ser a solución. Desta filosofía de traballo beberon os produtores de Vilamor, que decidiron promocionar o filme “porta a porta” por toda Galicia cunha furgoneta dos anos 70 que leva percorridos centos de institutos e asociacións culturais da comunidade. Este mércores a Caravana Vilamor “aparcou” no campus de Pontevedra e dela baixaron o director da película, Ignacio Vilar, e os actores Sabela Arán e Xoel Yáñez para compartir co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a realidade que se agocha tras as cámaras. “Necesitamos contarlle á cidadanía como se fai unha película para contaxiarlle o entusiasmo polo cinema galego e a importancia de apoialo”, comentou o director.

Vilamor capta a atención do espectador xa dende antes de ver a película grazas á “innovadora” acción promocional que se deseñou para dala a coñecer. “A industria audiovisual galega non manexa os orzamentos das películas americanas, polo que temos que buscar outras formas de divulgación, distribución e exhibición”, explicou Vilar, de aí que o equipo de produción da película creara a Caravana Vilamor, unha “intensa” campaña promocional itinerante “coa que o filme se achega ao espectador e non ao revés”. Esta estratexia de comunicación “personalizada”, xa testada en Pradolongo, axuda a que a poboación coñeza máis de preto a historia, se interese por ela “e vaia vela ao cine”. Como consecuencia desta acción promocional, a película estréase cada semana nunha nova cidade, chegando este venres 20 de abril ás salas de Pontevedra, uníndose ás de Lugo e Vigo nas que xa está en carteleira.

O director e os actores de Vilamor compartiron co alumnado non só a historia do filme, senón as anécdotas do universo paralelo que se crea nunha rodaxe, “como a necesidade imperiosa de que neve para rodar unha secuencia, a imposibilidade de controlar os axentes e ruídos externos...”, exemplificaron. Como sinalou o profesor Paulino Pérez, este tipo de experiencias enriquecen a formación dos futuros profesionais do audiovisual “xa que comproban de mans expertas como é unha gravación en exteriores e o importante que é levar todo milimetrado para reducir ao mínimo os imprevistos”.

Película 100% galega

Vilamor, que se inspira na historia real dunha comuna que se instalou nos anos 70 nas montañas lucenses, é unha produción “100% galega”. A pesar do momento actual de crise, Vilar apuntou que a industria audiovisual galega conta cun importante potencial e bagaxe profesional. “Hai 23 anos, o director Chano Piñeiro comezou isto do cinema galego con Sempre Xonxa, botando man de profesionais de fóra. En 2011 Vilamor foi realizada por profesionais galegos, o que pon de manifesto que dende Galicia podemos facer cinema como en calquera outra parte do mundo”, engadiu. Os actores Sabela Arán e Xoél Yáñez recoñeceron que o mundo do audiovisual non pasa polo seu mellor momento “pero si que están a saír proxectos e obras moi interesantes. Que Sabela e eu estudaramos en Madrid e que atoparamos traballo en Galicia, coido que é un bo sinal”, sinalou Yáñez.

Fronte a futuros profesionais do audiovisual, Ignacio Vilar, dende o seu rol de director, aconselloulles que ante este oficio “de resistencia e traballo” o mellor camiño é a produción continua a pequena escala “rodando e rodando moitas curtametraxes para as que si hai pequenas axudas”. Vilar considera que así irán gañando soltura e experiencia ademais de contar con proxectos desenvolvidos “que nun futuro se poden converter en longametraxes”.