DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Manuel Dimas e a ex-alumna Itziar Ezquieta xuntos ‘Na beira do río. Diálogos na pintura’

A paixón pola pintura une dúas xeracións da Facultade de Belas Artes

A pesar da diferenza de estilos, a mostra crea un punto de encontro entre os dous artistas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 13/10/2011

Un punto de encontro entre dúas xeracións de pintores á beira do Lérez. Esta é a historia que protagonizan dous artistas da Facultade de Belas Artes, o profesor Manuel Dimas e a ex-alumna e responsable da Sala X, Itziar Ezquieta, na exposición Na beira do río. Diálogos na pintura, que se inaugura este xoves na sala de exposicións do Pazo da Cultura. 16 anos son os que separan a estas dúas formas de concibir a pintura, “o que non foi un impedimento para que os dous discursos dialoguen e se entendan á perfección”, explicou Ezquieta, o que converte a esta mostra “nunha oportunidade interesante para que o espectador contemple dúas miradas distintas do mesmo”.

Ningún dos artistas renunciou ao seu estilo creativo, “o que levou a pensar nun primeiro momento que en vez de establecer un diálogo, ía ser un contrapunto porque os discursos defiren bastante”, apuntou a artista. Así, mentres Ezquieta opta por un estilo máis simbólico, conceptual e nihilista da arte, “máis comedido e íntimo que agocha algo máis do que conta”, Dimas decántase polo emprego de cores vivas, “preferindo o expresionismo e mostrando un sentido lúdico e festivo da pintura”. A pesar de estas diferenzas interpretativas, os dous artistas coinciden na figura do ser humano como temática dos seus cadros. “Aínda que con cores e perspectivas diferentes, a maioría das pinturas reflexionan sobre o ser humano, sobre a súa figura, e cuestiona o vital, o divino e a identidade de cada un como persoa”, explicaron os artistas.

O resultado, unha gran exposición que acolle máis de 120 obras contemporáneas “distantes no aspecto formal, pero que montadas, son quen de dialogar”. As extensas dimensións da sala de exposicións do Pazo da Cultura permitiulles aos artistas amosar unha mestura de creacións anteriores con obras feitas exprofeso para o espazo, “amosando o percorrido profesional dos pintores e como os cadros son o reflexo da súa vida e do seu ser”. A pintura é a verdadeira protagonista da exposición, “para pór en valor unha disciplina ameazada por outras técnicas artísticas como o vídeo, a fotografia ou as instalacións”, apuntou o comisario, Ramón Rozas. Dado á necesidade “de devolver ao seu sitio” a este método, Rozas contactou con Ezquieta e Dimas por ser “dous artistas que cren no valor da pintura, sen contaminacións, e apostan 100% por ela”, nuns momentos “nos que abundan outras disciplinas máis baratas”, engadiu Dimas.

O Lérez, punto de encontro

Na presentación da exposición, na que tamén estivo presente a concelleira de Cultura Anxos Riveiro, o comisario da mostra comentou a idoneidade do Pazo da Cultura como espazo para a exposición, dada a súa localización “entre a cidadanía e o río Lérez”. Para o crítico, “a beira do río foi dende sempre un lugar de reunión axeitado para o diálogo”, de aí que fose “o espazo perfecto para acoller esta mostra”. Na sala diferéncianse catro zonas, unha central na que as obras dos dous artistas comparten espazo “e se produce a mirada directa entre un estilo e outro”, dúas máis pequenas que funcionan como exposicións individuais e “unha final na que se volve producir o diálogo”, explicou Rozas.

Durante a presentación, Dimas quixo lembrar a figura de Luis Silvoso, coordinador da galería Borrón 4 de Cambados e recentemente falecido. “Queremos que esta mostra sirva de homenaxe para un home que axudou a moitos artistas da contorna”, sinalou o profesor. A mostra manterase aberta ao público ata o vindeiro 13 de novembro e inclúe a celebración dun obradoiro sobre creatividade destinado aos nenos e nenas da cidade e que será impartido pola propia Itziar Ezquieta todos os sábados da exposición.