DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estefanía Camino afondou na súa tese de doutoramento sobre as regras mnemotécnicas

As palabras clave e as imaxes mentais fan máis eficiente a aprendizaxe

A investigadora salienta que o seu uso incrementa a confianza das persoas nas súas capacidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/01/2013

A aprendizaxe de vocabulario é unha das maiores dificultades que se atopa unha persoa que quere dominar un idioma foráneo. A repetición verbal da palabra soe ser o método máis comunmente empregado. Sen embargo, non é o máis eficiente. A investigadora Estefanía Camino vén de amosar na súa tese de doutoramento como o uso da regra mnemotécnica da palabra clave ten mellores resultados e fai ademais que as persoas teñan maior confianza na súa capacidade e facilidade para aprender e recordar novas palabras.

A tese, presentada no campus de Ourense baixo a dirección dos docentes Alfredo Campos e María José Pérez, é froito de tres anos de traballo arredor das imaxes mentais. “Decidín traballar sobre a mnemotecnia da palabra clave pola importancia que ten para o alumnado a correcta elección da estratexia de estudo, que vai condicionar a aprendizaxe que se faga, o recordo que permaneza e a predición de canto tempo tempo lle vai supor estudar. Nesta investigación tamén me interesaba ver o reforzo que significa neste proceo o emprego de imaxes”, explica a xa doutora.

Etapa verbal+visual

A regra mnemotécnica da palabra clave, apunta a investigadora, considérase que é axeitada e eficiente para a aprendizaxe, entre outras moitas cuestións, de vocabulario estranxeiro. “No seu emprego hai primeiramente unha etapa verbal, na que o individuo relaciona a palabra estranxeira cunha palabra da lingua propia de similar son, e unha segunda etapa visual na que a persoa elabora una imaxe mental na que relaciona a palabra clave co significado da palabra no idioma propio. Por exemplo: un castelán falante pode aprender a palabra latina “ager”, que significa “campo”, relacionándoa coa palabra española “ángel” (palabra clave) e imaxinar un anxo no medio do campo.

Na súa investigación, a través de tres experimentos, a investigadora intentou coñecer se a capacidade dos participantes de formar imaxes mentais e espaciais e a forma de xerar a palabra clave (por eles mesmos, polos compañeiros ou polos propios monitores) inflúen nos xuízos metamnemónicos de facilidade de aprender, de aprendizaxe e de confianza. É dicir, se as persoas que empregan esta técnica en vez de por exemplo a repetición, perciben que co seu uso se incrementa a súa facilidade para aprender”, destaca Camino Longa. En cada un dos experimentos participaron 210 estudantes de distintos centros de educación da provincia de Pontevedra.

Moitas posibilidades de aplicación

“Como conclusión final da investigación pódese afirmar que na maior parte dos casos nos que se empregou a mnemotecnia da palabra clave o seu resultado foi bastante superior ao do método de repetición e ao do método de estudo habitual”, afirma. “Os resultados amosaron na maioría dos casos una relación significativa entre a viveza de imaxe, a capacidade da persoa de formar unha imaxe mental parecida á real ao escoitar unha palabra, e os xuízos de aprendizaxe (canta máis viveza, máis axustados foron os xuízos). Do mesmo xeito, atopamos unha relación significativa entre a viveza de imaxe e o recordo (canta máis viveza, maior recordo das palabras)”, destaca a doutora. En canto á estratexia de aprendizaxe, na maioría dos casos a maior puntuación obtívoa o grupo que empregaba a palabra clave proposta polos compañeiros.

Segundo salienta a autora da tese, estudos recentes apuntan a que algúns xuízos metamnemónicos, como os de aprendizaxe, están altamente relacionados co recordo. “Entón, se os xuízos melloran o rendemento e nos melloramos a exactitude dos xuízos, estaremos demostrando que as estratexias de aprendizaxe inflúen no recordo. Por outro lado, se isto é así, apunta, estaremos solucionando moitos problemas que os estudantes teñen en canto ás predicións que fan sobre o tempo que lles levará estudar un material concreto, que moitas veces se traduce en fracaso”, comenta. O uso de imaxes mentais, comenta por último, facilita en gran medida a eficacia do estudo xa que a aprendizaxe se efectúa a través de dous sistemas, o verbal e o visual, e non a través dun, como é o verbal no caso de estudar por repetición.